A xuízo un mozo que quedaba cos clientes por WhatsApp e entregáballes cocaína a bordo dun BMW
Por Natalia Puga
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará a próxima semana dous pontevedreses que presuntamente no ano 2017 dedicábanse á venda de cocaína na cidade de Pontevedra tras contactar cos seus clientes a través de WhatsApp e acudir á cita para entregarlles a droga nun BMW.
O xuízo celebrarase o vindeiro martes 9 de xullo e sentará no banco a R.M.S. e JM.M.A. A Fiscalía considera que son autores dun delito contra a saúde pública e pide que sexan condenados cada un a catro anos de prisión.
Unha investigación da Policía Nacional permitiu determinar que entre abril e outubro de 2017 o acusado R.M.S. dedicábase habitualmente á venda de cocaína na cidade de Pontevedra. Cada unha das persoas ás que vendía contactaban con el a través de mensaxes de Whatsapp e solicitábanlle a cantidade que querían.
Tamén por WhatsApp concertaban un lugar para a entrega, que adoitaba ser un punto da rúa Martín Códax, o domicilio do propio acusado en Poio ou as proximidades do domicilio do comprador.
O outro acusado, J.M.M.A., tamén se dedicaba a vender droga. Primeiro adquiríalla ao principal acusado e logo distribuíaa. O 22 de Setembro de 2017, por exemplo, R. M.S. achegouse no seu vehículo ata a rúa Echegaray, aparcou preto do centro de saúde Virxe Peregrina e pouco despois subiuse no asento do copiloto o outro procesado, J.M.M.A.
O condutor entregou ao novo copiloto un envoltorio con 0,336 gramos de cocaína adulterada con levamisol, cun prezo de mercado de 39,55 euros e el entregoulle a cambio unha determinada cantidade de diñeiro. Tras baixarse do coche, foi interceptado na rúa Maestranza pola Policía Nacional.
A análise do contido dos datos do teléfono móbil de R.M.S. permitiu determinar que JM.M.A. contactaba con el practicamente a diario solicitando que lle dera cocaína ben para el mesmo, ben en moitas outras ocasións para proporcionarlla ao seu irmán, a súa compañeira sentimental ou tamén outras persoas.
O principal acusado foi detido o 4 de outubro. A Policía Nacional seguiu o seu vehículo BMW por varias rúas de Pontevedra e acabou interceptándoo na rúa Colón. Atoparon escondido baixo a goma que rodea a porta do condutor un envoltorio con 0,403 gramos de cocaína adulterada con fenacetina e cafeína que alcanzaría un valor de mercado de 29,73 euros. Baixo o asento do condutor tiña o teléfono móbil Iphone 6 que utilizaba para contactar tanto co outro acusado como co resto de clientes.