A comarca de Pontevedra prepárase para a loita contra o lume
Por Manu Otero
Non é unha competencia municipal, pero na loita contra o lume toda axuda resulta necesaria. Baixo este lema, a maior parte dos concellos da comarca de Pontevedra ultiman estes días a contratación das súas brigadas antiincendios a través dun convenio subscrito coa Xunta de Galicia. O groso do persoal e a xestión do operativo está en mans da Consellería do Medio Rural, pero aqueles concellos que pola súa masa arbórea están máis expostos aos incendios constitúen estes días un equipo de prevención e resposta inmediata ante o lume. Cuntis, Caldas, Portas, Moraña, Cotobade e Poio son os municipios que contarán este ano cun corpo propio para limpar os seus montes e colaborar, se é necesario, en labores de extinción na súa propios límites ou en localidades veciñas.
Outros municipios decidiron non adscribirse ao convenio ofrecido pola Xunta. Algúns porque dispoñen de medios e persoal propios para afrontar unha emerxencia como é o caso de Sanxenxo. Outros porque a súa masa forestal non é extensa ou contan cun solvente equipo de Protección Civil como Marín, Vilaboa ou Barro. Algúns, caso de Pontevedra, porque polo seu volume de poboación non cumpren os requisitos para sumarse ao plan autonómico e xa dispoñen do seu propio corpo de bombeiros que acode a extinguir calquera lume que poida afectar á poboación.
Pero existen outros que rexeitan a firma do convenio porque consideran que é competencia do goberno autonómico. É a tese que defende o Concello de Ponte Caldelas, que ve un abandono de funcións por parte de la Xunta deixar a responsabilidade desta materia aos concellos. Aínda así, o executivo que encabeza Andrés Díaz (PSOE) si que está a realizar labores de roza naquelas zonas máis próximas a núcleos habitados e notificando a aqueles particulares donos de parcelas forestais da obrigatoriedade de mantelas limpas, unha práctica que está a realizar tamén o resto de concellos.
Un dos concellos máis extensos e con maior masa forestal é o de Cerdedo Cotobade, por esta razón é un dos que aglutina máis persoal e medios a esta misión. Durante o próximos tres meses contará con dúas brigadas formadas por cinco operarios cada unha para limpar e axudar na extinción de incendios, tres condutores de motobomba e un tractor para a roza de vinte hectáreas. Así mesmo, o de Cotobade é un dos poucos concellos que xa ten aprobado o seu plan de prevención de incendios.
En Cuntis contan cunha brigada e tres condutores de motobomba, igual que en Poio, Portas ou Caldas. Diferente é a situación de Sanxenxo que ten o seu propio servizo de emerxencias composto por 18 traballadores e que, durante os meses de verán, completan con trs novas incorporacións para poder atender os montes. Así mesmo, os operarios da concellería de Medio Ambiente traballan en tarefas de roza, dispoñen dunha motobomba para extinción e aprobaron tamén o seu propio plan de prevención, algo nos que están inmersos aínda o resto de municipios da área de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Último aviso do Concello de Vilaboa para a roza de terreos privados
Por Redacción |
-
Cuntis repetirá experiencia de ter unha brigada de loita contra os incendios e busca 8 traballadores
Por Redacción |
-
Cuntis inicia unha campaña para eliminar árbores pirófitas das marxes da N-640
Por Redacción |
-
Os voluntarios de Protección Civil de Poio, condecorados coa placa de Ouro ao Mérito
Por Almu Dapena |
-
O xefe do Servizo de Prevención de Incendios: "O tempo de reacción ante unha alarma é menor a 15 minutos"
Por Manu Otero |