As reformas do Illa de Tambo e do Ramon Cabanillas comezarán nuns días
Por Redacción
Educación vén de adxudicar as obras de rehabilitación integral en 22 centros escolares de toda Galicia, que se executarán este verán con cargo aos fondos de superávit. Entre eles, están o IES Illa de Tambo (Marín) e o IES Ramón Cabanillas (Cambados).
A maior parte destes traballos, garanten desde a Xunta, estarán rematados antes do comezo do curso, deixando para o final os remates e as actuacións menores que non interfiran coa actividade lectiva.
As obras previstas no IES Illa de Tambo custarán 1.090.880,60 euros e suporán o illamento da fachada, a renovación e illamento das cubertas con panel sándwich no edificio administrativo e no aulario e o revestimento interior das fachadas e da cuberta do ximnasio con chapa de aceiro prelacada, que conta con illamento incorporado.
Cambiaranse as ventás por outras novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo, instalaranse novas persianas con lamas de aluminio con illamento a base de espuma de poliuretano e renovaranse as luminarias, colocando equipos de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza nas aulas que teñen luminarias fluorescentes.
As medidas para a eficiencia enerxética completaranse coa instalación dunha nova sala de caldeiras de biomasa, así como de tres silos prefabricados.
Dentro das melloras funcionais, substituiranse os falsos teitos en mal estado por un falso teito rexistrable de paneis acústicos, limparanse e pintaranse os paramentos interiores e realizaranse varias melloras nas instalacións de electricidade. Ademais construirase unha rampla de acceso ao ximnasio para mellorar a accesibilidade.
Pola súa banda, a rehabilitación integral do IES Ramón Cabanillas conta cun investimento de 1.008.525,54 euros.
Farase unha nova sala de caldeiras, na que se cambiará o sistema actual de dúas salas de caldeiras de gasóleo por un novo sistema de caldeiras-tándem de biomasa de alta eficiencia e renovaranse as cubertas das distintas alas da edificación, ben con nova cuberta de tella curva ou con láminas bituminosas.
Ademais, illarase a fachada polo exterior, colocaranse novas fiestras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo e instalaranse luminarias de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza na planta baixa, así como en corredores e aseos das plantas primeira e segunda.
A obra de rehabilitación inclúe, a maiores, a colocación de falso teito na planta baixa e o pintado dos paramentos que se atopen en mal estado.