Costas estudará dragar area da ría para rexenerar a praia de Carabuxeira
Por Redacción
As administracións seguen analizando a fórmula máis adecuada para rexenerar a praia de Carabuxeira, en Sanxenxo. Para este traballo, unha reunión celebrada este martes achegou unha posible solución aos problemas de falta de area.
Costas adquiriu o compromiso de estudar a opción de poder dragar a area que se atopa enfronte da praia e que, segundo os técnicos, procede da propia Carabuxeira.
Para iso, o Concello encargou á empresa Aquática Enxeñería un informe de compatibilidade de estratexias mariñas, para comprobar se a area que perdeu a praia atópase depositada enfronte da mesma e en que cantidade, valorando ao mesmo tempo se é viable a súa recuperación.
Se esta segunda opción fora viable pero se dera o caso de que a area dragada non fora suficiente, poderíase completar coa achega de area de canteira. Esta última é a primeira opción para rexenerar o areal.
A este respecto, a Consellería de Medio Ambiente xa estudou o proxecto de rexeneración e mellora de Carabuxeira, que inclúe a achega de area, a construción de diques para evitar futuras perdas e a prolongación do paseo marítimo desde Panadeira.
A maiores, o goberno galego pide que se faga un estudo para saber canta area perderon as catro praias afectadas, Carabuxeira, Lavapanos, Panadeira e Os Barcos e así coñecer o volume de area que tamén necesitarán as tres últimas.