Exculpan un pai denunciado por non aplicar protector solar adecuado ao seu fillo
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra non ve delito no proceder dun pontevedrés que fora denunciado por presuntamente descoidar a protección do seu fillo ao non aplicarlle crema solar de forma adecuada, un descoido que lle provocou ao menor un arroibamento da pel por efecto do sol.
O home foi denunciado por un presunto delito de lesións e xa o xuíz instrutor, tras revisar os feitos, decidiu arquivar a causa, pero a nai do menor decidiu seguir adiante co procedemento e recorreu ante a Audiencia. Finalmente, tamén o tribunal provincial decidiu o sobresemento da causa ao considerar que o seu proceder non supón ningún delito.
A denunciante consideraba que este pai incumpriu os deberes inherentes á patria potestade, que implican a obrigación de "protexer a vida do fillo menor" e evitar situacións de risco. Con todo, a Audiencia considera que para que se poida considerar delito ese incumprimento dos seus deberes tería que tratarse dunha acción "voluntaria e persistente". Con todo, neste caso trátase de algo "esporádico ou transitorio".
A resolución do tribunal conclúe que esta falta de protección contra o sol é un feito "concreto e illado", de modo que, por si soa, é "insuficiente" para ser delito.
Ademais, o tribunal sinala que a falta de aplicación de protección solar ao menor adecuada e a produción dun eritema (arroibamento) solar non implica " dolo" ou intención do pai de causar dano ao menor. Para poder acusalo dalgún delito sería necesario determinar que tivese intención de causar lesións ou asumise a probabilidade da súa causación e se mostrase indiferente.
O fallo xudicial non entra a valorar sobre se a conduta do pai ao non protexer ao seu fillo do so é correcta ou non, pero si aclara que non consta que buscase causarlle unha lesión ao menor. Así, considera que "como máximo" pode atribuírse estas lesións a "mera neglixencia" .