200 novas prazas incrementan o número de aparcadoiros no centro de Ponte Caldelas
Por Redacción
A avenida de Vigo en Ponte Caldelas xa iniciou os traballos de pintado parcial que marca´ra o sentido único de salida que, a partir desta semana, terá esta rúa desde o cruzamento con Rosalía de Castro, xunto ao parque infantil. A vía contará tamén con ao redor de 200 prazas de aparcamento en batería ata a zona da Ponte Vella. Os residentes nos últimos edificios da avenida de Vigo disporán da opción de circular en dirección ao centro polo paseo do río. Trátase de cambios que se están a realizar por parte do equipo de goberno dentro do plan de humanización do centro da vila.
O alcalde Andrés Díaz estuda acometer unha obra de urbanización integral na avenida de Vigo para completar o proxecto da Estación Termal. O rexedor entende que é necesario crear estes estacionamentos para seguir medrando como centro comercial e de lecer. Neste sentido, o Concello quere habilitar no futuro dous novos aparcadoiros na contorna do instituto e detrás da ludoteca, con preto de 400 prazas. Xa se iniciou o contacto con propietarios e chegouse a acordos para contar con estes espazos de cara á entrada en funcionamento da Estación Termal, que aumentará a presenza de visitantes.
Ademais, está previsto o corte ao tráfico da rúa Marín. Desta forma, a praza de España gañará posibilidades de tránsito peionil. Os residentes sairán por diante da Casa da Cultura. A circulación, mesmo de autobuses escolares, só chegará a través de Rosalía de Castro para saír desta zona céntrica. Con esta medida, o goberno local quere que estes espazos queden liberados en gran medida do tráfico rodado ante a numerosa presenza de familias que se citan nesta zona.