A Policía Local de Poio resolve o furto dunha bicicleta, valorada en 1.000 euros, grazas ás redes sociais
Por Redacción
As redes sociais serviron, nesta ocasión, de axuda aos policías locais de Poio para esclarecer o furto dunha bicicleta. Os axentes detectaran este vehículo pilotado por un home que saía do Poboado do Vao, en Poio. Durante a inspección, comprobaron que o número de identificación da bicicleta se atopaba limado e borrado.
Na Xefatura non constaba denuncia algunha do furto do velocípedo, valorado en ao redor de 1.000 euros. O home que a portaba xustificaba ante os axentes a súa propiedade a través dun documento de depósito.
A partir dese momento, os integrantes da Policía de Poio decidiron solicitar a través das diferentes redes sociais a difusión da fotografía do vehículo de dúas rodas. Desta forma, foi compartida 1.711 veces e vista por 90.240 persoas ata que, ao cabo de poucos días, acudía ás dependencias policiais unha persoa afirmando que era o propietario. Recoñeceu que lle desaparecera en outubro de 2017 na avenida da Barca do interior dunha vivenda.
Tras estas indagacións, os axentes contactaron co home que a tiña en depósito. Nesta ocasión, a bicicleta fora deixada no establecemento Cash Converters, en Pontevedra, como venda recuperable. A Policía Local decidiu proceder á súa intervención.
O propietario identifícoa plenamente e os axentes investigaron ao presunto autor da subtracción, que resultou ser un veciño de Pontevedra. Todas as dilixencias que se practicaron con motivo deste furto foron entregadas no Xulgado de Instrución de Garda de Pontevedra.