Os bares poderán pechar as súas terrazas máis tarde durante o verán
Por Alejandro Espiño
Ata o próximo 8 de setembro, tras a celebración da Feira Franca, os establecementos de hostalería poderán manter as súas terrazas con actividade durante máis tempo.
Así o acordou o goberno municipal que, a través dunha resolución, autoriza a que o horario de peche dos veladores desde este 11 de xullo, festividade local en Pontevedra, sexa media hora máis tarde.
Durante todo este período, que coincide coas Festas do Verán, as terrazas estarán autorizadas para ter actividade ata as dúas da madrugada. Os sábados, domingos e festivos, do mesmo xeito que ocorrería durante a semana grande da Peregrina, poderán retirarse ás 2.30 horas.
Esta ampliación de horario está contemplada na vixente ordenanza reguladora dos veladores e, nesta ocasión, esta medida foi solicitada pola asociación de comerciantes do centro histórico ante a petición "maioritaria" do sector.
Na súa resolución, o Concello indica que esta actividade supón un "atractivo" e un elemento "dinamizador" da cidade que debe "potenciarse" dentro dos usos do espazo público.
Neste caso, os técnicos xustifican esta ampliación no incremento de actividade na cidade relacionada co período de festas ou con eventos como o Mundial júnior de balonmán, que se celebrará na cidade a partir do 15 de xullo.