O novo goberno da Deputación agarda que o PP ofreza "máis lealdade institucional" neste mandato
Por Redacción
Carmela Silva e César Mosquera xa teñen elaborado o novo goberno da Deputación de Pontevedra para os vindeiros catro anos e o vindeiro martes ás 12.00 horas no pleno organizativo quedará constitutído o novo equipo coa repartición de funcións.
A presidenta da Deputación sinalaba este venres que os obxectivos para este mandato céntranse en catro áreas principais: a de transición ecolóxica, os dereitos, a igualdade e a cultura. Afirma que se trata dun goberno único, potente, cunha folla de ruta ben marcada e no que todos os acordos se adoptan de forma conxunta.
Nunha comparecencia na que Silva e Mosquera volveron amosar a boa relación que manteñen desde que iniciaron o cogoberno provincial, presentaron ás dez persoas que integrarán a Xunta de Goberno: Carmela Silva figura como presidenta e como vocais se atopan por parte do PSdeG, Carlos López Font, Santos Héctor Rodríguez, Isaura Abelairas, Gorka Gómez, Noemí Outeda, Ana Laura Iglesias e Iria Lamas; mentres que polo BNG, César Mosquera actuará como presidente en ausencia de Carmela Silva e tamén contará con representación María Ortega.
Nas áreas de goberno se realizou unha repartición en que se atende aos perfís profesionais dos integrantes. Santos Héctor farase cargo da Cooperación Municipal e do Servizo de Asistencia Intermunicipal; Isaura Abelairas continuará como responsable de Igualdade; Carlos López Font ocuparase de Réxime Interior, Economía, Facenda e Novas Tecnoloxías e do ORAL. Cultura pasa a mans de Vicky Alonso; Gorka Gómez ocúpase de Deportes e Olga García será responsable de Cohesión Social. Turismo e Xuventude será xestionado por Ana Laura Iglesias mentres que o concelleiro de Poio, Gregorio Agís vai encargarse de Infraestruturas e Vias provinciais. Noemí Outeda será responsable do Centro Príncipe Felipe, a Escola de Enfermería e da Escola de Cantería, mentres que Manuel González responderá das actuacións na Finca de Mouriscade, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro e do CAAN. Raquel Giráldez será responsable de Promoción Económica e Emprego mentres que Iria Lamas se dedicará a Proxectos Europeos, Arquitectura e Transición Ecolóxica e Medio Ambiente.
César Mosquera será, como xa tiña anunciado, responsable do Museo de Pontevedra e do Plan Revitaliza de compostaxe. Uxío Benítez pasará a ocuparse de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos, ademais de Cooperación Transfronteiriza e a AECT Río Miño. A deputada nacionalista María Ortega será a máxima responsable de Patrimonio Documental, Patrimonio Material, Memoria Histórica, ademais de Normalización e Servizos Lingüísticos.
O vicepresidente lembrou que o popular Manuel Abeledo, cando presidíu a institución, xa lle dixera que gobernar a Deputación resulta máis difícil que gobernar a Xunta de Galicia. Sinalou que aquelas persoas que crean que o BNG "leva pouca cousa" se atopan confundidas porque os terreos de memoria histórica ou o Museo Provincial conleva moita responsabilidade.
REFERENCIAS AO PP
Ámbolos dirixentes recoñeceron que mantiveran xa encontros cos representantes do Partido Popular e manifestaron que agardan "outra actitude" por parte desta formación. Polo momento entenden que é así, pero non se fían despois de que hai catro anos tamén nas reunións preliminares, os deputados amosaran unha actitude que cambiou radicalmente no pleno organizativo.
Carmela Silva manifestou que agarda "lealdade institucional", pero tamén se amosaba cauta porque "nos milagros xa non empezo a crer".
Relacionadas:
-
A oficina do ORAL integra todos os seus servizos nunha nova páxina web
Por Redacción |
-
Visto bo ás obras que permitirán iniciar os trámites para que a Escola de Cantería poida ter titulacións oficiais
Por Redacción |
-
O encontro de alcaldes na Deputación abre a primeira fenda entre Cubela e o goberno bipartito
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Construirán un novo edificio para albergar a colección arqueolóxica do Museo
Por Alejandro Espiño |
-
Carmela Silva recibe ao "alcalde de alcaldes", que quere mandar en Vigo "25 años más"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Igualdade, coidado do medio ambiente e mellorar a relación coa Xunta, obxectivos da nova Deputación
Por Manu Otero |
-
PSOE e BNG selan o pacto para cogobernar a Deputación e "seguir afondando" no seu "cambio radical"
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |