O fume causado por un incendio na cociña dun edificio de Eduardo Pondal obriga a evacuar a veciñanza
Por Redacción
Ao redor das 14.15 horas, rexistrábase un incendio na campá extractora da cociña situada nunha vivenda do terceiro andar do edificio Rilo, situado na rúa Eduardo Pondal sobre unha tenda 24 horas e lindeira cun estanco.
Ata o lugar desprazábanse unidades da Policía Local e dous camións dos bombeiros do Parque de Pontevedra. Un axente policial lograba apagar as lapas co emprego dun extintor. Malia todo, unha vez apagado o lume orixinouse unha cortiña de fume negro e de pó que obrigou a desaloxar o edificio para evitar a inhalación de gases tóxicos entre as persoas da veciñanza. Non se rexistraron danos de carácter persoal.
Os bombeiros, segundo explicaron, procederon a ventilar a vivenda e diferentes puntos do edificio. Segundo indicaban, estes incidentes adoitan producirse debido á acumulación de graxa que se produce nas campás extractoras, que cunha chispa poden desembocar nun incendio.
Algúns dos efectivos do Parque de Bombeiros indicaban que sería conveniente realizar campañas informativas entre as comunidades veciñais para evitar este tipo de sucesos.