O colexio da Lama incorpora trece novos alumnos en Infantil
Por Redacción
O novo curso escolar contará coa incorporación de 13 novos alumnos de Infantil, segundo confirmaron desde a dirección do centro. Estas cifras consolidan a matriculación en algo máis de 90 alumnos, freando así a preocupante caída rexistrada nos últimos anos.
Todos eles poderán facer uso da nova cuberta sobre a pasarela de acceso de alumnos desde a zona de estacionamento de autobuses, nas inmediacións do pavillón municipal, ata o interior do recinto escolar.
As obras foron supervisadas este venres polo alcalde da Lama, Jorge Canda, e o tenente de alcalde, David Carrera, en compañía do director do colexio, Rafael Sánchez-Agustino
Ademais, seguindo as indicacións do director do centro, operarios municipais levarán a cabo labores de mantemento e mellora de zonas de recollida de augas pluviais, limpeza de canalizacións e reparación de elementos danados polo uso durante o pasado curso.
Canda e Carrera reiteraron a Sánchez-Agustino o compromiso do equipo de goberno coa comunidade educativa e mostráronlle a súa disposición para seguir colaborando co claustro de profesores e o ANPA para mellorar as condicións nas que se educan os alumnos.