Cerdedo-Cotobade organiza un curso para aprender a usar os desfibriladores
Por Redacción
Vinte e cinco persoas, maioritariamente persoal de Protección Civil, encargados de asistencia en emerxencias e servizos de primeira intervención e persoas das escolas deportivas e outras dependencias e servizos municipais, participarán na terceira xornada de reanimación cardiopulmonar e uso de desfibriladores que organiza o Concello de Cerdedo-Cotobade.
O obxectivo desta actividade é mellorar a atención das primeiras intervencións en casos de urxencia co obxectivo de ofrecer unha rápida resposta á poboación nas emerxencias.
O curso terá lugar en quenda de tarde dende hoxe ata o vindeiro 19 de xullo na sala multisocial do Centro Cultural de Cerdedo.
As xornadas, que teñen carácter gratuíto, serán impartidas por varios instrutores expertos nesta materia e estarán coordinadas por Juan Campos, médico de urxencias e instrutor de RCP pola Escola Europea de Resucitación.
Esta iniciativa, segundo Campos, é "fundamental" polos numerosos servizos municipais que se ofrecen coa participación de moita xente e pola importancia desta materia nunha zona rural, con bastante dispersión e un alto nivel de envellecemento.
O alcalde, Jorge Cubela, avanzou que ademais de novas edicións destes cursos, o Concello dotará de máis desfibriladores nos puntos e edificios con maior actividade social e presenza veciñal.