A xuízo por abusar sexualmente dunha amiga da súa neta, de 8 anos
Por Redacción
Un home sentará a próxima semana no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra por presuntamente abusar sexualmente dunha amiga da súa neta, unha nena de apenas oito anos.
A Fiscalía acúsao dun delito de abusos sexuais a menor de 16 anos e pide que sexa condenado a tres anos e medio de cárcere e oito de liberdade vixiada.
Os abusos producíronse en 2018 nas inmediacións da súa vivenda da comarca do Salnés -o caso instruíuno o xulgado de Cambados. Segundo o fiscal, aproveitando que a nena estaba a xogar na súa casa en compañía da súa neta, o home deulle bicos na boca e realizoulle diversos tocamentos baixo a roupa.
Segundo recolle o escrito de acusación, o home fíxolle entender á nena que se trataba dun xogo e o episodio finalizou cando a esposa do acusado regresou a casa.
O home estivo mes e medio en prisión provisional por estes feitos e, posteriormente, un tribunal acordou a súa posta en liberdade provisoria, de modo que acudirá ao xuízo previsto para o xoves 18 de xullo na Sección Cuarta da Audiencia Provincial sen ningún tipo de medida de seguridade.
A Fiscalía si reclama que, tras o xuízo, se lle prohiba aproximarse á vítima a menos de 500 metros durante sete anos e comunicarse con ela durante todo ese tempo.