A Policía Local de Poio reforza persoal durante o verán para garantir a atención á seguridade e o tráfico
Por Natalia Puga
A Policía Local de Poio acaba de incorporar ao seu plantel catro auxiliares que reforzarán o servizo durante o verán para garantir a atención a todo o relacionado coa seguridade cidadá e, en especial, ao tráfico.
En total, durante o verán haberá 13 axentes velando pola seguridade dos veciños do municipio, nove fixos e catro auxiliares de reforzo para estes meses. Trátase dun persoal moi necesario porque durante esta época do ano a poboación do municipio duplícase -pasa de 17.000 a 35.000 habitantes- e tamén medra o tráfico de vehículos.
O inspector xefe do Corpo, Antonio Duarte, presentou este sábado a parte desas novas incorporacións nun pequeno acto celebrado na sede da Policía Local acompañado pola concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, e polo alcalde, Nito Sobral.
Antonio Duarte indicou que durante estes meses vaise reforzar especialmente a atención á seguridade do tráfico, pois de forma habitual no municipio xa hai moito tránsito de vehículos, pero no verán aumenta, en especial na estrada PO-308. Poio é unha zona de paso entre Pontevedra e Sanxenxo e durante o verán xéranse moitas retencións e o tráfico vai moi lento, de aí que sexa necesario un reforzo policial. Tamén haberá reforzos para festas e actos culturais e deportivos.
Segundo explicou, ademais deses catro auxiliares, hai un axente en prácticas que en canto remate o seu período formativo na Academia Galega de Seguridade Pública se incorporará de xeito definitivo á Policía Local de Poio.
A Policía Local de Poio presta servizo entre as oito da mañá a as dez da noite e realiza servizo de noite de forma extraordinaria con motivo de determinadas festas ou en previsión de que haxa unha grande afluencia de persoas. Durante o resto dos días, o servizo nocturno cubreo a Garda Civil, un Corpo de Seguridade co que os axentes municipais colabora de forma habitual e ao que agradece o seu traballo.
A concelleira de Seguridade Cidadá destacou que a intención do Concello é "garantir a calidade do servizo diurno" e optouse pola contratación de auxiliares e pola nova incorporación do axente que está na recta final do seu período formativo.
Ademais, segundo anunciou, a previsión do Concello é convocar dúas novas prazas para cubrir dúas vacantes dos últimos tempos, unha por falecemento e outra por xubilación. A intención é convocalas xa este ano e que en xaneiro de 2020 o persoal xa estea reforzado.
A Policía Local é "un servizo vital", de aí que desde o Concello se quixera "facer unha aposta" por dotala de máis recursos humanos.
Por outra parte, cabe destacar que a Policía Local de Poio acaba de estrear un novo servizo para achegarse á cidadanía. Este venres abriu unha páxina na rede social Facebook.