Voluntariado internacional para limpar a Ría de Arousa
Por Redacción
Un grupo de 19 persoas procedentes de varias comunidades autónomas españolas e do estranxeiro -tres son de Francia e dúas da República Checa- están a realizar estes días navegacións pola ría de Arousa para retirar microplásticos, latas, redes de fibra e todo tipo de desperdicios.
Esta limpeza da Ría realízase no marco do campo de voluntariado internacional Natureza e patrimonio xunto ao mar que organiza a Xunta de Galicia en Vilanova de Arousa.
Os voluntarios tamén realizan tarefas de recuperación arquitectónica mariñeira da Insuiña coa limpeza e destape da pedra e do roce do espazo anexo e ocúpanse de catalogar puntos de interese turístico na zona.
A súa estadía compleméntase con actividades náuticas e na natureza como snorkel, kaiak ou sendeirismo e con visitas e excursións ao Museo do Mar do Grove, ao Centro de interpretación do Siradella e aos portos pesqueiros e deportivos de Vilanova de Arousa.
En Vilanova de Arousa a Xunta de Galicia tamén organiza durante o verán un campamento xuvenil de actividades no mar que ten lugar no albergue das Sinas, que este sábado recibiu unha vista da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel.
Cristina Pichel destacou que os campos de voluntariado como o que está a realizar a limpeza da Ría son unha oportunidade para que a mocidade se implique en accións de voluntariado coas que achegan o seu grao de area para a conservación do medio ambiente e a posta en valor do noso patrimonio.
Así mesmo recordou que estes campos forman parte das actividades da Campaña de Verán 2019, a través da que se ofertan 30 propostas diferentes, entre elas, 'A terra que habita no mar', no concello do Grove.
Polo albergue das Sinas pasarán durante todo o verán un total de 600 rapaces con motivo da Campaña de Verán da Xunta. Todos eles gozarán dunha ampla e variada programación que inclúe vela, táboa, piragua, kaiak polo, introdución á pesca, windsurf, snorkel ou paddle surf, entre outras actividades vinculadas aos deportes no mar e na praia.