Ponte Caldelas cifra en 100.000 euros o impacto económico da Festa Gastronómica do Emigrante
Por Redacción
A Festa Gastronómica do Emigrante que se celebrou durante esta fin de semana en Ponte Caldelas tivo un impacto económico no municipio de 100.000 euros, segundo o balance realizado polo Concello.
O evento rematou este domingo cuns resultados dos que o Goberno local asegura que superaron todas as expectativas, pois ao longo da fin de semana vendéronse máis de 20.000 pratos, superando as cifras do ano pasado.
Esta festa reproduce en Ponte Caldelas a comida internacional dos países vinculados coa emigración da vila e ofreceu un total de 12 pratos representativos destas gastronomías ao prezo promocional de 5 euros con bebida incluída.
A modo de balance, o Goberno local subliñou a satisfacción do público asistente e dos restaurantes participantes, que levaron á Alameda os sabores da comida brasileira, mexicana, italiana, estadounidense, uruguaia, española e a galega. Ademais, ofreceuse a posibilidade de gozar de empanadas, sobremesas e bebidas como mojitos ou caipiriñas.
Segundo o balance do Concello, a animación musical foi un dos alicientes deste evento, dado que contou con batukada brasileira, charanga galega e, como prato forte, o mariachi de Leonardo Flores, que fixo as delicias dos comensais durante a noite do sábado.
O alcalde, Andrés Díaz, subliñou o esforzo organizativo do Concello, que colocou 1.250 cadeiras co obxectivo de que todo o mundo poida gozar comodamente dunha festa gastronómica que, a cada ano que pasa, atrae máis visitantes.