Duras críticas a Cidadáns pola polémica do Orgullo LGTBI: "Son un perigo para a democracia"
Por Alejandro Espiño
Non sentou nada ben no goberno municipal que Cidadáns tentase trasladar a Pontevedra a polémica polos incidentes que se rexistraron durante a celebración do Orgullo LGTBI en Madrid. "Non é responsable traer este asunto aquí", sinalou a edil Carme da Silva, que se uniu así ás duras críticas realizadas pola socialista Paloma Castro.
Todo foi como consecuencia da moción presentada ante o pleno municipal polo portavoz de Cidadáns en Pontevedra, Goyo Revenga, que esixía unha condena "rotunda" ante a "discriminación ideológica" e as agresións por parte de "radicales violentos" sufridas por membros do seu partido en Madrid durante o Orgullo.
Revenga apuntou que é "intolerable" a apropiación "partidista e ilegítima" dunha celebración que "siempre fue un lugar de tolerancia, respeto y democracia".
O líder de Cidadáns en Pontevedra lamentou que con estes incidentes demostrouse que hai quen pretende "encerrar a otros en el armario" polas súas ideas políticas.
Tras esta intervención, Paloma Castro, responsable de Benestar Social e Igualdade no goberno municipal, cualificou hoxe a Cidadáns como un "perigo para a democracia" e censurou o seu comportamento durante a celebración do Orgullo LGTBI en Madrid.
Castro explicou que a formación que preside Albert Rivera é un "subpartido" que foi crecendo en España a través do seu "neoliberalismo descontrolado" e pola súa aposta pola "provocación" en temas "sensibles" como Cataluña ou a maternidade subrogada e tentando crear "cismas" entre o colectivo LGTBI.
Os pactos de Cidadáns coa ultradereita ou a "caza de bruxas" que emprendeu en Madrid, Andalucía e Valencia son os asuntos que, segundo a concelleira do PSOE, "atentan contra as liberdades" e non ser expulsados dunha manifestación.
O único apoio recibido por Cidadáns foi por parte do Partido Popular, xa que a edil Silvia Junco sinalou que "nadie puede limitar las libertades" e denunciou os "inconcebibles, lamentables e indignantes" incidentes rexistrados na marcha.
Carme da Silva, pola súa banda, pediu en varias ocasións a Cidadáns que retirase esta moción e lembrou que en Pontevedra celebráronse "sen incidentes" manifestacións e festas polo Orgullo, demostrando que a sociedade pontevedresa é "inclusiva e tolerante" e que non acepta a "crispación" xerada polo partido de Albert Rivera en Madrid.
Relacionadas:
-
BNG e PSOE rexeitan a moción do PP para liberar de 'lombos' as vías sanitarias
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Prometen "compensar" a perda de aparcamento pola futura residencia da Parda
Por Alejandro Espiño |
-
Cidadáns quere trasladar a Pontevedra a polémica do Orgullo en Madrid
Por Alejandro Espiño |