María Ramallo arranca de Núñez Feijóo o seu compromiso para colaborar no novo auditorio
Por Redacción
A Xunta de Galicia tratará de "encaixar" nos orzamentos económicos as partidas necesarias para contribuír á construción do novo auditorio de Marín. Ese é o compromiso que a alcaldesa María Ramallo logrou do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a reunión que ambos mantiveron en Santiago.
Esta colaboración, segundo Ramallo, é "necesaria e imprescindible" para que o auditorio proxectado sexa "acorde" ás necesidades do municipio.
A intención do Concello de Marín é que se poida licitar a construción do centro en 2020 e, para iso, os técnicos están xa redactando os pregos do contrato.
A alcaldesa lembrou que, a través dos fondos europeos EDUSI, Marín ten asignados dous millóns de euros para a construción do auditorio, que estará situado no espazo do porto pegado á Praza de España, terreos cedidos pola Autoridade Portuaria.
María Ramallo sinalou que Marín necesita este equipamento cultural para albergar actividades que, na actualidade, se ven obrigados a organizar ao aire libre, unha circunstancia que carrexa problemas e que impide a celebración de determinados eventos.
Ademais, a alcaldesa tamén analizou con Núñez Feijóo outras actuacións como as sendas peonís en viais autonómicos como as de Vilaseca-Lapamán (en execución) ou as futuras entre Bagüín-Seixo, Coirados-Pardavila e Pardavila-Cadro.
As obras do colector da avenida de Ourense, o saneamento do río Lameira ou asuntos relativos a benestar social, igualdade ou servizos sociais foron outros dos temas tratados neste encontro bilateral que Ramallo cualificou como "moi positivo".
Relacionadas:
-
O futuro auditorio de Marín terá capacidade para 550 espectadores e aparcamento soterrado
Por Redacción |
-
Marín abre o prazo de presentación de ofertas para construír o Auditorio
Por Redacción |
-
A alcaldesa María Ramallo visita a Autoridade Portuaria e distribúe áreas de goberno
Por Oskar Viéitez |
-
María Ramallo recoñece que "nin nos mellores soños" esperaba unha maioría tan aplastante
Por Alejandro Espiño |