Sanxenxo opta por unha 'batea en terra' para a futura Praza do Mar
Por Redacción
Case once millóns de euros custará o proxecto elixido por Nauta Sanxenxo para remodelar a Praza do Mar, o espazo situado sobre o aparcamento do porto deportivo. A 'batea en terra' presentada polo estudo madrileño Paredes Pedrosa Arquitectos foi a opción elixida polo xurado do concurso de ideas.
A principal novidade que inclúe o proxecto gañador é a construción na praza dun amplo umbráculo, un recinto con teito moi luminoso no que non entra o sol, cuxa estrutura estará suxeitada en catro alicerces de madeira e que terá un peche perimetral acristalado con efecto espello desde o exterior.
Estas características permitirán, segundo consta na proposta, reflectir a paisaxe da ría e, desde o interior, gozar dunhas magníficas vistas ao mar e á praia de Silgar.
Todo este espazo asemellarase a unha batea en terra. O recinto ocupará o 25% da superficie da Praza do Mar, uns 2.000 metros cadrados, e permitirá albergar calquera evento cultural, deportivo, feira, congreso ou presentación. Poderá usarse todo o ano e permitirá a Sanxenxo contar cun equipamento de gran capacidade.
Ademais, o proxecto propón eliminar as bancadas-escaleiras da Praza dos Barcos e a súa substitución por un suave noiro axardinado que mellore a conexión da praza coa vila. O xardín, que será de vexetación autóctona, prolongarase nunha gran parte da Praza do Mar e contará con pasarelas de madeira para facilitar o acceso ás distintas zonas.
O edificio de capitanía e os locais comerciais tamén verán renovada a súa imaxe e, no caso do primeiro, proponse unificar o seu volume mediante a mellora do seu acabado exterior.
O tellado, cunha lixeira inclinación cara ao sur, incorporará paneis solares que permitirán un importante aforro de enerxía e unha pérgola lineal mellorará a estética dos locais comerciais, ademais de achegar sombra e mellorar a súa climatización.
A proposta gañadora inclúe tamén melloras nas instalacións do porto pesqueiro, un miradoiro, un auditorio exterior ao final da Praza do Mar, un alxibe para aproveitar a auga de choiva para a rega de xardíns e baldeos, así como novos accesos peonís ao aparcadoiro.
Nauta Sanxenxo adianta que este proxecto, que ascende a 10.943.340 euros, financiarase con fondos propios da entidade e non custará nada aos veciños do municipio. Para executalo, avanzou o organismo, solicitarán unha ampliación da concesión actual.