Prevén iniciar en setembro a reforma da PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso
Por Redacción
A empresa Marconsa será a encargada de realizar as obras de acondicionamento da estrada PO-234, entre Ponte Caldelas e Laxoso. Así o anunciou este luns a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que prevé iniciar estes traballos no mes de setembro.
O prazo de execución desta obra, que conta cun orzamento de máis de 525.000 euros, é de oito meses.
Trátase de actuar nun treito de 2,16 quilómetros, o máis próximo á cidade de Pontevedra, que discorre polo Concello de Ponte Caldelas, desde o final da travesía de Ponte Caldelas, no punto quilométrico 0+420, ata a entrada da travesía de Laxoso, no punto quilométrico 2+580.
A intervención prevé a ampliación da calzada, que actualmente ten entre 5 e 5,5 metros, ata acadar un ancho de 7 metros, así como rectificacións puntuais de trazado.
Ademais executaranse cunetas de seguridade nos treitos nos que se precisen, aproximadamente nuns 1,6 quilómetros da estrada.
PONTE CALDELAS RECLAMA UNHA SENDA PEONIL
O Concello de Ponte Caldelas, pola súa banda, celebra a adxudicación desta obra ao entender que suporá unha importante mellora na seguridade viaria no tramo das curvas de Laxoso.
Con todo, o alcalde volveu pedir á Consellería de Infraestruturas, como xa ten feito en comunicacións previas, que se aproveiten as obras para a execución dunha senda peonil e ciclista entre os núcleos de Ponte Caldelas e Laxoso.
Andrés Díaz entende que sería unha actuación que tería un custo moi inferior aos 125.000 euros do aforro producido na adxudicación da obra de reforma desta estrada autonómica.
Relacionadas:
-
O proxecto para reformar a PO-234 entre Laxoso e Portasouto estará redactado en seis meses
Por Redacción |
-
A Xunta inicia a segunda fase das obras na estrada PO-234, entre Ponte Caldelas e Laxoso
Por Redacción |
-
Ethel Vázquez confirma que en abril vai avanzarse nas expropiacións para a segunda fase da mellora da PO-234
Por Redacción |
-
O levantamento topográfico na PO-234 anticipa o comezo dunhas obras longamente demandadas
Por Redacción |
-
A mellora da estrada entre Ponte Caldelas e Laxoso, licitada por 650.000 euros
Por Redacción |