PSOE e BNG levarán ao Parlamento a polémica polo local concedido a Red Madre no Edificio Azul da Xunta
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
O grupo socialista no Parlamento de Galicia presentou unha iniciativa parlamentaria para esixir da Xunta que aclare a puntuación que acadou o colectivo Red Madre para obter a concesión dun local público no Edificio Azul da Xunta en Pontevedra.
As deputadas Patricia Vilán, María Pierres e Begoña Rodríguez Rumbo entenden que os criterios de puntuación son "dificilmente obxectivables". Queren saber cal é a relevancia social do proxecto presentado pola organización antiabortista para obter unha alta cualificación. Preguntarán tamén ao goberno de Núñez Feijóo se comparte os contidos que aparecen no web de Red Madre nos que se advirte dos "riscos físicos" e dos "problemas de parella" que pode causar o aborto e o "sufrimento" dos fetos.
Tamén o BNG, a través do deputado por Pontevedra Luís Bará e da voceira en Igualdade, Noa Presas, pedirán explicacións en sede parlamentaria sobre a polémica concesión a Red Madre.
Os nacionalistas entenden que esta adxudicación responde a un trato de favor do goberno galego a unha "organización antiabortista herdeira da Sección Feminina" do franquismo. Neste sentido, solicitan tamén que o goberno de Núñez Feijóo proporcione a documentación relativa a acordos, convenios e subvencións outorgadas a Red Madre entre 2009 e 2019.
Ambas as dúas formacións políticas pregúntanse como esta organización foi a segunda mellor valorada na concesión de espazos no Edificio Azul, por diante de colectivos sociais, culturais e deportivos con máis tradición na cidade. Denuncian, desta forma, que entidades como a asociación veciñal Eiriña, que actúa na zona na que se atopa o edificio; o Club Treboada, o Club Baloncesto Estudantes, Greenpeace ou a asociación Astronómica Sirio quedaron sen local mentres Red Madre si o conseguía.
Por último, Podemos Pontevedra tamén amosou a súa disconformidade coa concesión e lembra que o dereito á interrupción voluntaria do embarazo debe estar garantido ante entidades que "pretenden transmitir a súa doutrina ideolóxica profundamente conservadora contraria aos dereitos fundamentais das mulleres e a súa libre elección".
Relacionadas:
-
O PP pide á socialista Paloma Castro que pregunte polas axudas concedidas na Deputación a Red Madre
Por Redacción |
-
Feministas protestan pola entrega dun local a Red Madre no Edificio Azul da Xunta
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Ofensiva municipal contra a cesión dun local público á antiabortista Red Madre
Por Redacción |
-
Unha trintena de colectivos repartiranse dúas plantas do edificio da Xunta en Benito Corbal
Por Redacción |