O modelo de mellora continua de Ence asegura un comportamento ambiental óptimo da súa biofábrica de Pontevedra
Ence realizou nos últimos anos un importante esforzo para modernizar a súa biofábrica de Pontevedra, á que dotou das máis avanzadas e eficientes tecnoloxías para garantir que os seus procesos de produción son respectuosos co medioambiente. É unha aposta da compañía que pon de manifesto un compromiso de respecto pola súa contorna que se apoia nunha cultura de mellora continua do proceso e do desempeño ambiental da súa actividade.
Dentro das melloras ambientais máis representativas abordadas por Ence Pontevedra atópanse o proxecto de redución de cheiros, a redución de penachos de vapor e a redución do impacto acústico da planta. Así mesmo, a mellora da súa fiabilidade ambiental, a optimización do seu proceso produtivo e a mellora da eficiencia da biofábrica son proxectos de relevancia para asegurar que o centro operativo de Ence non impacta na súa contorna. Tamén cabe destacar a execución do proxecto de integración paisaxística da planta pontevedresa, que será concluído proximamente e que constitúe un exemplo pioneiro dentro do sector industrial español e internacional.
O modelo de xestión de mellora continua aplicado á biofábrica de Pontevedra permite desenvolver estándares operativos que favorecen o control e minimización de posibles impactos ambientais, o que fai posible a Ence alcanzar uns resultados que certifican a eficacia desta forma de xestión. Deste xeito, implantáronse as mellores técnicas dispoñibles (MTD) e as mellores prácticas ambientais do sector. Como resultado, a planta de Lourizán foi mellorando, ano tras ano, os seus parámetros ambientais, o que lle permitiu un cumprimento rigoroso das normativas ambientais europea e española.
Como consecuencia desta rigorosa vixilancia e do seu comportamento ambiental, esta planta galega foi recoñecida con importantes recoñecementos ambientais internacionais, como a Distinción Ouro da Comisión Europea, pola súa mellora ambiental, e a ecoetiqueta Nordic Swan, selo ecolóxico oficial dos gobernos escandinavos.
COMPROMISO DE TRANSPARENCIA
A xestión ambiental de Ence inclúe, como punto esencial, a transparencia das súas actividades e a posta a disposición de todo tipo de información ao cidadán. Desta maneira, a compañía, desde mediados do mes de xullo de 2012, publica diariamente os indicadores de desempeño ambiental da súa biofábrica de Pontevedra. No sitio web da planta, no que se publica igualmente información relevante sobre a actividade do centro de operacións, pódense consultar a diario os datos dos 30 días anteriores. Os devanditos datos preséntanse comparados cos parámetros establecidos na Autorización Ambiental Integrada da Biofábrica, así como cos indicadores de referencia da Unión Europea.