Finaliza a folga nos PAC's tras chegar a un acordo entre o persoal e a consellería de Sanidade
Por Redacción
A folga de máis de 200 horas que realizaba o persoal dos Puntos de Atención Continuada de Galicia chegou a súa fin. Durante a xornada deste mércores, o comité de folga acadaba un acordo coa consellería de Sanidade.
Desde a consellería comprometéronse a avaliar os plans funcionais e a estudar a opción de dotar de novas prazas estruturais e de equipos completos ás distintas unidades.
Tamén se alcanzaba un acordo de remuneración dos complementos de nocturnidade e festividade, que se atopaban bloqueados desde 2010. Esta mellora supoñerá a equiparación da hora de nocturnidade e festividade que se estipula para facultativos de urxencias hospitalarias e enfermería hospitalaria. Obtense un 80% sobre esa diferenza no ano 2020 e a equiparación do 100% en 2021.
Queda sen pechar o cómputo de xornada, un dos puntos conflitivos nesta negociación. O comité de folga entende que segue sendo interpretable e, por tanto, poderán xerarse novas tensións laborais. Por esta razón, piden á Xunta que clarifique este punto. En todo caso, ambas as partes decidiron establecer un acordo e deixar as portas abertas para futuras negociacións.
Desde o persoal afirma que seguirán implicados nas súas reivindicacións para confirmar que se cumpren todos os puntos pactados e en defensa da sanidade pública.
Relacionadas:
-
Alertan da falta de persoal nos PAC's e de camas para ingresar pacientes de Urxencias nos hospitais de Pontevedra
Por Redacción |
-
O persoal dos PAC's segue a denunciar a mala xestión das gardas
Por Redacción |
-
O xerente da área sanitaria afirma que a folga nos PAC non ten "demasiada incidencia"
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Fin de semana sen persoal suficiente nos centros de saúde da Parda, Marín e Caldas
Por Oskar Viéitez |