Desafiuzamento tranquilo e exprés nunha casa 'okupada' na rúa Charino
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Unha comisión xudicial acompañada por dúas dotacións da Policía Nacional executou este xoves un desafiuzamento nunha casa 'okupada' desde hai meses na rúa Charino, no centro histórico de Pontevedra. No momento do desaloxo había no inmoble seis persoas, das que tres se foron de forma voluntaria e outras tres con custodia policial, pero, de todos os xeitos, todo desenvolveuse con rapidez e total tranquilidade.
O desafiuzamento realizouse como resultado de dúas resolucións dos xulgados de Instrución número 1 e 4 de Pontevedra e supervisárono funcionarios do Servizo Común de Notificacións e Embargos da cidade do Lérez. Como apoio acudiron, en distintos momentos do proceso, dúas patrullas da Policía Nacional.
Segundo puido saber PontevedraViva, o proceso que culminou este xoves levaba dous anos causando problemas aos responsables do inmoble. Na casa, de dúas plantas como case todas as da rúa Charino, hai polo menos dúas vivendas e os propietarios asinaron un contrato de aluguer cunha persoa para unha delas. Con todo, finalmente, acabaron vivindo alí varias máis e facía meses que ninguén pagaba a renda.
Nunha das vivendas, a que inicialmente foi alugada, estaban no momento do desafiuzo tres persoas que a abandonaron sen ningún tipo de resistencia, primeiro dúas e poucos minutos despois, unha soa. En canto á outra vivenda, foi okupada por polo menos tres persoas sen que mediase ningún tipo de contrato nin autorización e, á chegada da comitiva xudicial, non abandonaban o inmoble, de modo que foi necesario que a Policía Nacional os custodiase ata a porta.
Todo se resolveu finalmente sen ningún incidente nin oposición e todo o proceso pechouse en apenas unha hora. A comitiva chegou ao edificio acompañada polos propietarios do inmoble ás 10.00 horas e ás 11.00 horas xa soamente quedaban no lugar os traballadores contratados polos propietarios para pechar a casa unha vez desaloxada e realizar pequenas obras no interior do inmoble. Instalouse unha porta cun alto nivel de seguridade.
O edificio é antigo, pero, segundo as fontes consultadas por PontevedraViva, agora aínda o parece máis, pois as vivendas quedaron totalmente esnaquizadas tras a 'okupación'. A unha das casas mesmo resultaba complicado acceder polo mal cheiro que saía do lugar.
Veciños e hostaleiros da contorna explicaron que nesa casa agora desaloxada adoitaban residir bastantes persoas, sen poder concretar o número ningunha das persoas consultadas. Ademais, relatan que habitualmente se consumían estupefacientes e adoitaban frecuentar o inmoble persoas con adicción ás drogas.