Pinto e Maragota desembarca este sábado en Pontevedra con vermús pola diversidade sexual
Por Manu Otero
A oferta de lecer estival de Pontevedra non deixa de crecer. Este sábado entran en escena os vermús de Pinto e Maragota, un evento incluído no programa municipal de diversidade sexual, que consisten nunha serie de catro sesións vermú en distintas prazas da cidade con música, danza, poesía, performance ou debates. "É moi enriquecedor a nivel social e cultural", declarou a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Paloma Castro (PSOE).
Os actos celebraranse os penúltimos sábados de xullo, agosto, setembro e outubro. A praza de Méndez Núñez acolle este sábado, desde as 12.30 horas, un espectáculo de danza contemporánea a cargo de Xiana Vilas e Isabel Sánchez, coa música do Dj Moreno Moreno. Desafía ou movemento é o título desta actuación de música e danza pola diversidade.
O 24 de agosto, na Praza da Verdura, terá lugar unha performance para reivindicar a cultura drag a cargo da agrupación pontevedresa Marikas pola Festa, con Niko Elsker e Nosolojavi. O 21 de setembro, no Campiño de Santa María, o poeta Daniel Asorey, coa música e voz de Sanny, presentará o seu recital poético Transmatria. O último vermú deste ciclo está previsto para o 19 de outubro cun debate sobre a vida trans en Pontevedra no que participarán Ada Otero, Brais Papiri e Magnolio no espazo gastronómico do Mercado de Abastos.
O obxectivo deste programa é facer partícipe a toda a sociedade pontevedresa do día a día do colectivo LGTBI para favorecer e normalizar a diversidade sexual. Ademais, os locais de hostalería destas prazas cooperan co evento con ofertas e prezos especiais durante estas xornadas.
Relacionadas:
-
LGTBIfobia en Pontevedra: un 14% do alumnado cre que o seu instituto non é un espazo seguro para as persoas LGTBIQ+
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
"Performance drag" na Praza da Verdura a cargo de "Marikas por la fiesta"
Por Oskar Viéitez |
-
O primeiro vermú pola diversidade sexual somérxese na danza e na música
Por Redacción |
-
"Pinto e Maragota", un programa municipal para unha Pontevedra sexualmente diversa
Por Alejandro Espiño |