Rexeitan incorporar a Fomento como demandado polo cobro abusivo de peaxes na AP-9
Por Redacción
O xulgado do mercantil número 1 de Pontevedra rexeitou incorporar ao Ministerio de Fomento como demandando no procedemento aberto pola cobranza abusiva de peaxes na AP-9, un trámite que fora solicitado por Audasa, concesionaria da autoestrada.
O auto do xulgado desestima a solicitude de Audasa, que esixira o chamamento ao proceso de Fomento ao considerar que se vería "directamente afectada" por unha eventual sentenza que condene á empresa pola cobranza destas peaxes.
Este proceso xudicial parte da demanda presentada pola Fiscalía contra a empresa por cobrar as peaxes íntegras entre Pontevedra e Vigo durante as obras de ampliación da autoestrada na contorna da ponte de Rande, entre febreiro de 2015 e xuño de 2018.
O xuíz subliña no auto que o caso iniciado é "totalmente independente" das condicións da concesión administrativa da autoestrada, do sistema legal de fixación de peaxes ou das potestades administrativas do Ministerio de Fomento.
O procedemento debe, segundo o titular do xulgado pontevedrés, "avaliar a oportunidade" de cobrar aos usuarios da AP-9 a totalidade da peaxe legalmente fixada, a pesar de que, debido a unhas obras, "non se lles estaban prestando os servizos propios dunha autoestrada".
"Trátase simplemente da relación comercial entre Audasa e os seus clientes na que o ministerio non ten máis interese que o abstracto que poida ter calquera autoridade en que os servizos públicos funcionen correctamente", asegura o maxistrado.
O titular do xulgado do mercantil número 1 de Pontevedra sinala que a actividade de explotación da AP-9 que realiza Audasa é de carácter "meramente comercial", polo que as relacións que establece cos seus usuarios son "estritamente privadas".
Debido a esta consideración, o xuíz conclúe que calquera proceso no que se discuta sobre esas relacións está "perfectamente constituído" coa única intervención de Audasa e os usuarios ou as entidades que poidan actuar "defendendo os seus dereitos".
Ademais, o maxistrado indica no auto que a pretensión da concesionaria tamén debe ser rexeitada por unha cuestión "esencialmente procesual", xa que considera que Audasa "non foi capaz" de mencionar no seu escrito que norma lle habilita para instar á intervención de Fomento neste proceso xudicial.
Esta decisión chega apenas un mes despois de que este mesmo xulgado de Pontevedra desestimase a alegación da concesionaria da AP-9 de tramitar pola vía do contencioso-administrativo, e non a civil, o caso pola presunta cobranza abusiva de peaxes durante a ampliación da ponte de Rande.
Relacionadas:
-
A Fiscalía únese aos afectados na súa oposición a que o Estado estea persoado na causa polas peaxes da AP-9
Por Natalia Puga |
-
Os afectados pola peaxe da AP-9 durante as obras de Rande, en contra de que o Estado estea persoado na causa
Por Natalia Puga |
-
O xuízo contra Audasa pola cobranza abusiva de peaxes, en febreiro e sen testemuños de ningún afectado
Por Natalia Puga |
-
Os afectados pola peaxe da AP-9 durante as obras de Rande poderán unirse á causa ata o 8 de abril
Por Natalia Puga |
-
O xulgado anima aos prexudicados a persoarse na causa pola peaxe abusiva de Rande
Por Natalia Puga |
-
Lores cre que a demanda da Fiscalía contra Audasa "chega tarde"
Por Oskar Viéitez |