Ponte Caldelas volve atraer á caravana de vehículos clásicos
Por Redacción
Uns setenta vehículos prevén participar na cuarta edición da concentración de vehículos clásicos de Ponte Caldelas, unha festa chea de cor que traerá á vila os mellores exemplos de automoción do século pasado.
O evento celebrarase este domingo, día 21 de xullo, cunha concentración de mañá e tarde na Alameda e unha ruta que parte este ano ás dúas da tarde ata o Centro Ecuestre Atlántico, situado no lugar de Buchabade.
O público interesado, que sempre é moi numeroso, terá así ocasión de achegarse aos vehículos e interactuar cos seus propietarios durante a mañá, a partir das 10 horas, e durante a tarde, ata as 20.00 horas na Alameda caldelá.
Entre os vehículos que poderán admirarse hai modelos case únicos de todas as marcas e tamén, como é habitual, un autobús de liña histórico, propiedade da empresa Cuiña, un camión Bedford, de finais dos anos 50, da empresa Norte Sur e tamén outro camión histórico da marca Ebro.
A actividade é froito da colaboración entre o Concello de Ponte Caldelas o club Amigos dos Vehículos Antigos. No nome deste colectivo, achegouse este xoves ata a vila o coleccionista Marcelino Villaverde, que chegou ao volante dun Citroën 11 lixeiro, un utilitario do ano 1947 modelo “pato”, que constitúe unha rareza polas escasas unidades en activo.
Relacionadas:
-
Os afeccionados aos vehículos clásicos teñen unha cita este sábado en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
A concentración de Ponte Caldelas supera as previsións e reúne oitenta coches clásicos
Por Redacción |
-
Aqueles Mercedes clásicos, símbolo dun estatus social, exhíbense en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
A concentración de coches clásicos de Ponte Caldelas bate records con máis de 60 vehículos
Por Redacción |