Sanxenxo gaña á Deputación no xulgado e recibirá unha subvención para mellorar a contorna do colexio de Portonovo
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Concello de Sanxenxo gañou a batalla á Deputación de Pontevedra nos tribunais e logrará que a institución provincial lle conceda unha subvención para a remodelación integral e mellora da mobilidade e a seguridade viaria na contorna do CEIP Portonovo.
O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra estimou parcialmente o recurso contencioso-administrativo interposto polo Concello de Sanxenxo contra un acordo da Deputación que o 28 de setembro de 2018 excluíu a súa solicitude dunha subvención de 500.000 euros para as obras dese proxecto no marco do coñecido como Plan Deporemse.
A resolución xudicial supón anular o acordo do Pleno da Deputación polo que se inadmitía a candidatura do Concello de Sanxenxo a esa subvención e condenar á Deputación de Pontevedra a retrotraer o expediente administrativo ao momento inmediatamente anterior ao da resolución anulada.
Ao retrotraer o expediente a ese momento, deberá conservar, entre outros trámites, a valoración dos proxectos realizada pola comisión de expertos e outorgarlle finalmente ao Concello de Sanxenxo a subvención que corresponda, conforme ás bases da convocatoria. Para facelo, a Deputación ten un prazo máximo de dous meses desde a notificación da firmeza desta sentenza.
O Concello de Sanxenxo interpuxo recurso no xulgado tras negarlle unha subvención de 500.000 euros para acometer o proxecto, que tiña un orzamento total de 830.000 euros.
A esta sentenza referiuse a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, para confirmar que presentarán un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Recalca a mandataria que a decisión de denegar a subvención ao Concello de Sanxenxo foi exclusivamente técnica e nega calquera tipo de inxerencia política.
Á hora de estudar os proxectos e aprobar a repartición de fondos "non había ningún político, a decisión as tomaron vos técnicos", dixo Silva, que segue convencida de que o proxecto sanxenxino non reúne os requisitos para optar á axuda.
Relacionadas:
-
O TSXG ratifica a condena á Deputación a concederlle a Sanxenxo unha axuda para mellorar a contorna do CEIP Portonovo
Por Redacción |
-
Reclamar un trato igualitario para todos os concellos, eixo do traballo do PP na Deputación este mandato
Por Redacción |
-
Sanxenxo presenta á Deputación proxectos por un total de 1,2 millóns de euros
Por Redacción |