A Comunidade de Montes de Mourente pide a paralización do proxecto de Acuanorte
Por Redacción
A Comunidade de Montes de Mourente acaba de presentar recurso ante o Secretario de Estado de Medio Ambiente do Ministerio de Fomento solicitando a paralización cautelar da execución do Proxecto de Acuanorte no seu trazado pola parroquia de Mourente. Este trámite constitúe o paso previo á presentación dun recurso contencioso-administrativo perante os tribunais de xustiza.
No seu recurso, os comuneiros de Mourente volven a reiterar os argumentos e propostas xa anteriormente expostos nas súas alegacións ante Acuanorte. Pero esta vez aportan xurisprudencia en defensa da lexitimidade dos seus postulados. Recordan numerosas ocasións en que argumentos e posicións similares ás presentadas pola Comunidade de Montes foron admitidas e aceptadas en proxectos semellantes.
Volven a incidir especialmente na irregular construción do macrodepósito de tres millóns de litros no Monte do Castro, incumprindo a legalidade vixente por invadir a franxa de protección arqueolóxica da que goza o citado castro. Reiteran as dúas ubicacións alternativas que xa propuxeran anteriormente, que solucionaría este problema cun custo mínimo e inciden de novo nos graves danos "inútiles e evitables" de invasión de numerosas propiedades privadas para evitar utilizar as vías públicas.
A Comunidade de Montes de Mourente require do Secretario Xeral de Medio Ambiente explicacións oportunas ás súas alegacións, pois expoñen que na súa resposta Acuanorte "soamente expuxo consideracións xerais sen contestar debidamente e individualmente ás alegacións dos comuneiros nin dos numerosos veciños, incumprindo tamén nisto os procedementos legalmente establecidos". Consideran que Acuanorte non respondeu claramente as alegacións presentadas e non dou argumentos para a súa desestimación.
Asimesmo, inquiren as razóns polas que na parroquia de Mourente o monte veciñal e as propiedades privadas son invadidas de xeito tan agresivo e arbitrario, criterio que non é seguido noutras parroquias e concellos, onde se buscou o diálogo para reducir as afeccións que o proxecto inicial provocaba. Pregunta a comunidade de montes as razóns deste cambio de criterio, que obriga a Acuanorte a desviar por vías públicas a maior parte do trazado noutras zonas pero que se nega a facelo na parroquia de Mourente. Consideran que esa actuación vulnera a igualdade de todos os cidadáns ante a Lei e preguntan se hai razóns ocultas para tal proceder.
A indignación tamén se fai extensiva á posición neste asunto do Concello de Pontevedra
A indignación tamén se fai extensiva á posición neste asunto do Concello de Pontevedra cos veciños de Mourente. A súa postura oficial de que era un proxecto de Acuanorte no que non podía intervir o goberno municipal "quedou descuberto claramente polo sucedido noutros concellos, onde a intervención municipal en defensa dos intereses dos veciños e opoñéndose a trazados tan agresivos obrigou a Acuanorte a revisar o proxecto inicial". No caso de Pontevedra "a desidia municipal é aínda máis grave por canto o goberno local incumpre o seu propio Plan Xeral de Ordenación Urbana de 1989 que establece a franxa de protección do castro agora invadida, abandonando as súas competencias e adoptando unha postura en aberta contradición coa mantida noutras ocasións".
Por todo isto, a Comunidade de Montes de Mourente solicita a paralización da execución do proxecto na parroquia de Mourente en tanto non se resolva este recurso aducindo que o inicio das obras puideran causarlle prexuízos de imposible ou difícil reparación e porque o recurso presentado puidera dar lugar á nulidade do trazado do proxecto na parroquia de Mourente.