A Deputación lanza 28 cursos de formación para desempregados
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres un novo plan de formación que ten como obxectivo facilitar a inserción laboral daqueles colectivos da sociedade con maiores dificultades para acceder ao mundo laboral. O proxecto Labora 2020 consiste no desenvolvemento de 28 accións formativas cun orzamento de 1,4 millóns de euros.
Deste programa vanse beneficiar doce concellos da provincia, entre os que estan Barro, Cambados, O Grove, Pontevedra, Soutomaior, Cangas ou Vilagarcía.
Entre os cursos que se van a impartir figuran: actividades auxiliares e de almacén, limpeza de superficies e mobiliario en edificios, dinamización de actividades de tempo libre educativo, infantil e xuvenil, socorrismo en instalacións acuáticas, actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, operacións básicas de restaurante bar e competencias crave para a obtención do nivel 2 en galego e matemáticas
Desde a Deputación calculan que en todos estes ciclos participará un total de 420 persoas, que tamén terán dereito a recibir unha compensación económica se carecen de ingresos.
Labora 2020 está dirixido a persoas desempregadas de longa duración, mozos menores de 30 anos ou maiores de 55 anos, persoas con diversidade funcional, inmigrantes e minorías étnicas.