Sanxenxo avanza na remodelación da Casa Priorado de Arra e licita a súa terceira fase
Por Redacción
Unha partida de 170.400 euros, que sairá do Plan Concellos da Deputación, permitirá ao Concello de Sanxenxo acometer a terceira fase das obras de remodelación da Casa Priorado de Arra. Estes traballos serán executados pola empresa Abal S.A.
Tras a reforma integral exterior, esta nova fase das obras centrarase no interior do inmoble.
A Casa Priorado ten dúas edificacións independentes que pechan o patio central, que articula todos os espazos da planta baixa. Nesta planta vaise acondicionar un local de ensaios, dous locais para asociacións, un terceiro local a modo de almacén, aseos masculinos e femininos, un distribuidor e un alpendre.
Na primeira planta, pola súa banda, habilitarase unha sala de usos múltiples, un despacho, un almacén e un hall. Entre as dúas plantas suman unha superficie útil de 480 metros cadrados.
Algunhas das actuacións contempladas no proxecto son o revestimento de chans, paredes e teitos, a instalación de auga fría e quente, a colocación dunha rede de saneamento, a instalación dun sistema de ventilación e calefacción ou a mellora da rede eléctrica ou de iluminación.
Con esta nova actuación no Priorado de Arra, o Concello logrará convertelo nun centro sociocultural para uso e goce de todos os veciños. En total, nas tres fases de reforma investíronse case 400.000 euros.
A Casa Priorado de Arra é unha edificación de carácter tradicional, actualmente sen uso, que no seu momento foi vivenda duns monxes benedictinos relacionados co Mosteiro de Armenteira.
Nos últimos meses levouse a cabo unha actuación importante, que consistiu na restauración da cuberta e os muros perimetrais, na que se investiron 190.000 euros. Ademais, instaláronse xanelas e portas cun orzamento aproximado de 24.000 euros.
Relacionadas:
-
A rehabilitación do Priorado de Arra concluirá a finais de xuño
Por Redacción |
-
Comeza a terceira fase das obras de remodelación da Casa Priorado de Arra
Por Redacción |
-
Sete empresas aspiran a remodelar casa Priorado de Arra
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello corrixe o erro e volve a licitar a terceira fase das obras do Priorado de Arra
Por Redacción |
-
Licitan a rehabilitación da Casa Priorado de Arra
Por Redacción |