Rescatan dous cans que agonizaban dentro dun coche aparcado en Marín
Por Redacción
A Policía Local de Marín logrou rescatar con vida a dous cans que estaban a agonizar no interior dun coche que estaba aparcado no paseo Antonio Blanco.
Foi a chamada dun cidadán, que viu aos animais encerrados no coche, a que alertou ás autoridades sobre as catro e media da tarde.
Ao chegar, os axentes comprobaron que os cans estaban dentro do vehículo. Un deles presentaba signos de deshidratación e o outro non se movía e parecía estar inconsciente.
Por iso, ante a imposibilidade de contactar co dono do coche, a policía rompeu un dos portelos e rescatou aos dous animais.
Os axentes, tras mollar aos cans para tratar de baixarlles a temperatura corporal, trasladáronos a unha clínica veterinaria de Marín. Un dos animais recuperouse e o outro terá que seguir ingresado ata que se recupere satisfactoriamente.
O propietario do coche, despois de ser localizado pola Policía Local, acudiu á clínica e asegurou que acudira a unha comida familiar e esqueceuse dos cans. Segundo as autoridades, mostrouse moi afectado polo sucedido.
O home, a pesar de todo, será denunciado pola vía administrativa.