A concentración de Ponte Caldelas supera as previsións e reúne oitenta coches clásicos
Por Redacción
Os coches clásicos foron os protagonistas da xornada de domingo en Ponte Caldelas. A cuarta concentración, organizada polo Concello en colaboración coa Asociación de Amigos dos Vehículos Antigos (AVA) de Pontevedra, foi todo un éxito.
Ata Ponte Caldelas achegáronse máis de 80 vehículos, chegados dende diversos puntos de Galicia, mellorando todas as previsións e superando amplamente os algo máis de 60 rexistrados o ano pasado.
A xornada incluíu tamén unha ruta polo rural con parada no Centro Ecuestre Atlántico, onde o seu xerente, Xabier Blanco, dirixiu unha visita ás instalacións e deu toda unha clase maxistral de introdución ao deporte dos saltos a cabalo.
Unha comida a carón do río Verdugo e a estancia no parque automobilístico no que se converteu a Alameda pechou unha xornada que contou coa visita de numeroso público, que tivo ocasión de contemplar de cerca auténticas xoias da automoción.