Artistas chineses retratan o Camiño Portugués mentres fan a ruta xacobea
Por Redacción
Inmortalizar coa súa visión oriental diferentes paraxes do itinerario luso ata a súa chegada o día 25 a Santiago. É o traballo que están a facer un grupo de cinco creadores chineses que estes días realizan o Camiño Portugués.
Os artistas da China están realizando a ruta lusa na súa variante espiritual do Salnés e esta mañá recalaron en Pontevedra. Nesta xornada tamén teñen previsto visitar Combarro para retratar algunhas das súas paisaxes, antes de trasladarse mañá ao Mosteiro da Armenteira e o Pazo Quinteiro da Cruz, onde terán un encontro con artistas galegas e galegos.
Nesa xornada pintarán paraxes da Ruta da Pedra e da Auga e entre as súas previsións figura tamén pintar outras zonas de Vilanova ou o faro de Punta Cabalo na Illa de Arousa. Todas as súas obras están realizadas en tinta china.
A promotora desta iniciativa, Beatriz Piñeiro do Pazo Quinteiro da Cruz, explicou que o proxecto xurdiu hai dous anos, tras a visita a estas instalacións de Yuguang Yang, pintor, calígrafo e traballador na Academia de Belas Artes, e a súa dona, a tamén artista e profesora de español Yan Zhang.
"Tentarán transmitir a visión que eles teñen e a través dos seus trazos con tinta china", sinalou Beatriz Piñeiro, que subliñou o feito de que estas obras sobre o Camiño Portugués na súa variante espiritual do Salnés veranse no país asiático.
Os participantes nesta experiencia foron recibidos este luns pola deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, que destacou o valor como prescriptores destes artistas ante o aumento do interese dos turistas chineses polo Camiño. No ano 2018, foron 1.111 os peregrinos procedentes de China que chegaron a Santiago.
A deputada agasallou aos membros da delegación china cunhas láminas de castros da provincia e o artista Yuguang Yang realizou in situ unha caligrafía dedicada a Turismo Rías Baixas que se colgará no Palacete das Mendoza.
Relacionadas:
-
O incremento de peregrinos fai crecer a oferta hostaleira de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O Camiño Portugués, desde Caldas para o público alemán da man da blogueira Nicole Biarnes
Por Redacción |
-
De Virxe do Camiño ata Santiago, 64 quilómetros e medio
Por Redacción |
-
Os gardas civís peregrinan a Santiago para celebrar o seu 175 aniversario
Por Redacción |