Reclamar un trato igualitario para todos os concellos, eixo do traballo do PP na Deputación este mandato
Por Redacción
Os deputados do PP na Deputación de Pontevedra traballarán durante os catro próximos anos sobre tres eixos fundamentais: reclamar ao Goberno bipartito PSOE-BNG un trato igualitario para todos os concellos da provincia, un plan específico con medidas para loitar contra o despoboamento no rural e que abandone a estratexia de confrontación coa Xunta de Galicia.
O voceiro do grupo provincial do PP, Jorge Cubela; a tamén voceira Pepa Pardo e a deputada Paz Lago compareceron este luns ante os medios de comunicación para dar a coñecer a súa axenda de traballo para o resto do mandato.
Cubela recoñeceu que "evidentemente" xurdirán outros temas que van requirir o seu posicionamento, pero eses tres serán os eixos sobre os que van traballar "moi duro".
A principal desas liñas de traballo é, segundo indicou, lograr o trato igualitario para todos os concellos. Para conseguilo, ven fundamental que as convocatorias que realice a Deputación teñan unhas bases claras e concretas e carácter técnico para que todos os concellos da provincia teñan garantido o acceso e para garantir que os concellos que concorran a estas subvencións teñan un trato igualitario na súa concesión.
Cubela asegurou que no mandato pasado ocorreron situacións que demostran que non existe ese trato igualitario. Así, asegura que houbo "plans de reparto a dedo", a través dos que 7 de cada 10 concellos que recibiron axudas foron para gobernos do PSOE ou BNG, mentres que 12 dos 13 concellos aos que se lle denegaron estes fondos eran do PP.
Ademais, puxo en valor a vitoria xudicial que acaba de conseguir o Concello de Sanxenxo para que lle dean unha subvención para mellorar a contorna do colexio de Portonovo, pois, na súa opinión, deixa claro que houbo concellos gobernados polo PP que presentaron en tempo e forma a solicitude a diferentes plans que a Deputación aprobou por concorrencia competitiva e quedaron sen axudas. "Non o di o PP, nin o alcalde, o di un tribunal", valorou o alcalde de Cerdedo-Cotobade.
Cubela tamén se referiu ao pleno de investidura, no que o PP puxo sobre a mesa un pacto de lealdade mutua e indica que o primeiro que queren os alcaldes é que "esta dinámica non se repita".
O PP tamén pide ao Goberno bipartito que a Deputación "dea un paso ao fronte" e "sexa un socio preferente" para os concellos pequenos para dar solución ao principal problema que teñen, que é o despoboamento do rural. Neste sentido, sinalou que en todas as administracións están impulsando medidas para paliar este problema e a Deputación de Pontevedra "non pode estar desaparecida".
En relación coa Xunta de Galicia, pediu que se deixe a un lado a política da confrontación, pois Carmela Silva e o PSOE "gañan" co seu enfrontamento permanente, pero "os concellos pequenos non gañan nada con esta situación".
Relacionadas:
-
O encontro de alcaldes na Deputación abre a primeira fenda entre Cubela e o goberno bipartito
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Sanxenxo gaña á Deputación no xulgado e recibirá unha subvención para mellorar a contorna do colexio de Portonovo
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A Deputación desexa eliminar os plenos organizativos para evitar o "morbo enfermizo" das reparticións económicas
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Jorge Cubela e Pepa Pardo serán os portavoces do PP na Deputación
Por Alejandro Espiño |