Atopan en bo estado a dous homes que se accidentaran nunha ruta en balsa polo río Verdugo
Por Redacción
Dous homes que realizaban un percorrido a bordo dunha balsa inchable polo río Verdugo foron encontrados polos servizos de emerxencia tras sufrir un accidente coa embarcación.
Segundo informou o 112 Galicia, pese a que ambos coñecían ben a ruta precipitáronse por unha catarata e a lancha na que viaxaban rompeu a causa do impacto.
Ao non poder continuar o seu camiño a través da auga, tiveron que seguir a pé polo monte ata chegar á estrada, onde finalmente puideron pedir axuda a un viandante.
Malia algunhas feridas superficiais, os afectados atopábanse en bo estado de saúde e rexeitaron asistencia médica.
As autoridades tiveron constancia dos feitos a través da chamada dunha persoa, ás 21:30 horas deste luns. Nela, o alertante informaba que os seus amigos saíran nunha balsa inchable e non retornaran ao punto de encontro na hora establecida.
Desde o 112 Galicia solicitaron a intervención dos axentes da Garda Civil e tamén da agrupación de Protección Civil de Oitavén-Tea para participar na busca.
Ademais, avisouse aos Bombeiros de Ribadumia, ás urxencias sanitarias do 061 e as asociacións de Protección Civil de Redondela e Cercedo-Cotobade por se fora necesaria a súa colaboración.