Concentración contra a violencia machista na Subdelegación do Goberno
Por Manu Otero
Os traballadores da Subdelegación do Goberno en Pontevedra realizaron na mañá deste martes un minuto de silencio en sinal de repulsa polo crime machista que tivo lugar o domingo.
"Temos que estar hoxe aquí para denunciar que unha muller máis foi asasinada pola violencia machista en Vilalba", declarou a subdelegada Maica Larriba ao rematar un acto que se realizou de forma simultánea no resto de subdelegacións de Galicia e na Delegación do Goberno da Coruña.
María del Carmen Vázquez, de 47 anos e natural da localidade lucenese de Vilalba, foi asasinada o pasado domingo a coiteladas pola seu ex marido, do que estaba en trámites de separación e sobre o que pesaba unha orde de afastamento. "No que vai de ano son 34 as mulleres asasinadas en toda España. En Galicia, levamos dous", condenou Larriba, quen lembrou que desde o 2015 houbo 15 vítimas mortais na provincia.
"Non é unha cuestión de políticas, é conciencia cidadá e lamentamos que aínda haxa sectores que neguen esta triste realidade", criticou a mandataria socialista ao mesmo tempo que mostraba o seu firme compromiso de "seguir loitando contra esta lacra a través de todos os medios que estean a nosa disposicion".