Mulleres rurais de Taboadelo denuncian a mala cobertura de Internet na parroquia
Por Redacción
Ponte Caldelas conta cunha nova asociación veciñal, no seu caso integramente feminina. É a Asociación de Mulleres Rurais de Taboadelo que, como primeira medida, vén de denunciar a mala cobertura da Internet en toda a parroquia.
Foi tras unha xuntanza do alcalde, Andrés Díaz, coa súa directiva, presidida por Hilda Diz; e que conta como vicepresidenta con Inés Amoedo, como secretaria con Martina Garrido, como tesoureira con Minda Orge e como vogais con Erundina Barros e Carmen Muíños.
O alcalde avanzoulles que iniciará xestións para presionar a Telefónica España para que cumpra coa súa obriga legal de despregar fibra óptica en Taboadelo.
A empresa obtivo unha subvención para iso en 2017 e dispón de prazo ata o remate deste ano 2019 para facer o investimento necesario. En caso necesario, o Concello iniciará as accións pertinentes para que se sancione á operadora.
Diante desta situación, o Concello dirixirase formalmente á Comisión Nacional do Mercado das Telecomunicacións e a Telefónica España e valorará a oportunidade de aprobar unha moción plenaria.
O alcalde subliñou que mentres case toda a veciñanza de Ponte Caldelas dispón xa de fibra óptica ata o fogar gracias ao despregamento da rede da empresa local Aurea, Taboadelo quedou illado cun ADSL obsoleto, porque ao terse concedido esa subvención polo Goberno de España, xa non se trata dunha "zona branca" na que poida introducirse calquera operador.
A consecuencia na práctica é que mentres en case toda Ponte Caldelas hai servizo de 300 megas simétricos, en Taboadelo chegan, con sorte, aos 0,2 megas de velocidade de subida.
A Asociación de Mulleres Rurais de Taboadelo pediu ao alcalde que impulse cantas iniciativas sexan necesarias para que o problema quede resolto, porque aseguran que pagan case 60 euros ao mes por un servizo que non teñen e que supón un serio inconveniente para que persoas que traballan dende casa poidan desenvolver o seu labor profesional na parroquia.