Dúas persoas resultan feridas nunha fábrica de Ribadumia
Por Redacción
Dúas persoas resultaron feridas no incendio que se rexistraba nunha fábrica de carpintería situada en Ribadumia. O incendio iniciábase debido a unha deflagración que se producía no silo instalado no exterior desta empresa, situada no número 5 da rúa Alfonsín.
Segundo os datos facilitados polo servizo de emerxencias 112 Galicia, o incidente rexistrábase no momento en que varios operarios da fábrica baleiraban o depósito en que se almacena a viruta derivada do corte de madeira.
Varias persoas particulares avisaron ao 112 Galicia pasadas as 11.00 horas. A partir dese momento púxose en marcha o dispositivo de emerxencias alertando ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil e aos Bombeiros do Parque de Ribadumia.
Ás 12.40 horas extinguíase o lume por parte das dotacións que se trasladaron ata o lugar. As dúas persoas que resultaron feridas con queimaduras foron evacuadas ao Hospital Povisa de Vigo.