A votación do regulamento provoca novas tensións na xunta de persoal do Complexo Hospitalario
Por Anxo Lourido
O mesmo escenario que se vive no Parlamento español estes días onde os políticos son incapaces de acadar acordos para garantir a gobernabilidade repítse a outra escala na xunta de persoal do Complexo Hospitalario de Pontevedra entre os representantes dos traballadores da sanidade pública. A situación é denunciada por Eduardo Rejo (CSIF) e Emma Rodríguez (SATSE), o presidente e a secretaria, ámbolos en funcións, da xunta de persoal.
Afirman que se sinten profundamente decepcionados co resultado da votación que este martes se realizou sobre o novo regulamento que debería marcar o funcionamento da xunta de persoal. Aseguran que despois de presentarse voluntarios para realizar o traballo de redacción presentaron tres borradores e atenderon suxerencias dos 27 integrantes das formacións con representación tras as eleccións sindicais celebradas en maio. Eran necesarios 18 votos favorables e, segundo denuncian Rejo e Rodríguez, a abstención das integrantes de Prosagap foi determinante para que o texto non saise adiante nesta votación. "Cuando empezaron el recuento y vi las manos bajas, no me lo creí. Aquí falla algo", relata Eduardo Rejo. Volveron repetir o reconto por se chegara a producirse algún erro. Pero, en efecto, o regulamento non contaba cos votos suficientes para a súa aprobación.
Ante esta situación, o presidente e a secretaria en funcións admiten que non se sinten "lexitimados" no cargo ao ser "tumbado" este regulamento. Sinalan que non se cumpre o estatuto básico do funcionario público e, desta forma, non pode constituírse a xunta de persoal como órgano colexiado.
Acusan a Prosagap, que conta con sete representantes e é a maioritaria na xunta, de provocar que o Complexo Hospitalario de Pontevedra sexa o único de toda Galicia que carece de xunta de persoal a estas alturas. "No entienden, no tienen conocimiento o interés en que esto funcione", alega Eduardo Rejo. Emma Rodríguez vai máis alá e sinala que se está antepoñendo o persoal ao profesional nestas tensións sindicais e se pregunta "¿qué haces si tienes el enemigo en casa?".
VERSIÓN DE PROSAGAP
Carolina Iñarrea, presidenta de Prosagap, ofrece unha visión distinta deste novo conflito entre as forzas sindicais representantes do persoal do Complexo Hospitalario. Asegura que a súa formación se abstivo porque non está dacordo con todos os puntos recollidos no regulamento e sinala que a ausencia de diversos integrantes da xunta provocou este resultado.
Iñarrea sostén que Prosagap quere que a xunta de persoal funcione e represente aos traballadores, pero entende que o regulamento é un punto secundario e que o importante, neste momento, sería convocar o xerente dos hospitais antes de agosto para atender diferentes problemáticas graves que afectan ao persoal facultativo, que enlaza días de traballo sen descanso ou ao persoal de enfermería ao que se lle denegan permisos por falta de previsión e de planificación, sinala a máxima representante desta formación.
Indica tamén que os outros nove sindicatos con representación teñen poder suficiente para aprobar este regulamento e para poder abordar calquera outra temática. Lembra que esas agrupación impediron que exerceran a presidencia pese a ser a forza con máis número de votos e entende que, tanto o presidente como a secretaria actuais, exercen os seus cargos a todos os efectos porque foron apoiados polo resto de agrupacións unha vez que se presentaron voluntarios a estes postos.
Desde Prosagap queren que a xunta de persoal se convoque ao menos unha vez ao mes e que se adopten acordos que se presenten de maneira conxunta e "unidos como una piña" ante o xerente.