Exame ás atraccións das festas de Santiaguiño do Burgo
Por Redacción
Traballadores da empresa Enmacosa iniciaron este martes a inspección técnica das atraccións instaladas no Recinto Feiral con motivo das festas do Santiaguiño do Burgo como paso previo á súa apertura ao público.
Trátase dunha medida adoptada polo Concello de Pontevedra desde hai 17 anos, cun protocolo que tenta conseguir a maior seguridade posible nas atraccións de feira tanto nesta celebración con nas Festas da Peregrina.
Os técnicos seguen un protocolo específico que comeza coa solicitude da documentación preceptiva de cada instalación como o seguro de responsabilidade civil, libro de operacións ou manual técnico, e continúa cunha comprobación visual para cerciorarse que carezan de arestas que poidan resultar cortantes así como de ocos ou desniveis sen protección, puntos importantes de corrosión ou deficiencias de relevancia nos cordóns de soldaduras das instalacións, ademais de que as bancadas e apoios estean correctamente nivelados e asentados.
Outros dos aspectos que se analizan céntranse na seguridade do público e da contorna, como a dotación de extintores ou as posibilidades de colisión con tendidos eléctricos, farois ou mobiliario urbano en xeral.
Con respecto á estabilidade estrutural, a empresa controla que letreiros e focos sexan sólidos e que cordas, arneses e demais elementos de seguridade mostren un perfecto estado de conservación e estean homologados para a súa utilización.
O traballo da consultoría técnica complétase cunha revisión do estado das instalacións eléctricas e do seu correcto funcionamento, incluíndo probas e ensaios de seguridade.
Ademais, segundo sinala o Concello, as atraccións deberán mostrar en lugares claramente visibles carteis con recomendacións de interese para os usuarios que detallen especificamente os riscos e no seu caso as limitacións de idade e altura.
Relacionadas:
-
Inspeccionan a montaxe e funcionamento das atraccións das festas de Sanxenxo
Por Redacción |
-
As Festas de Santiaguiño enchen de luz a noite do 25 de xullo
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Santiaguiño do Burgo procesiona escoltado por paraugas
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
As atraccións do Santiaguiño, sen música unha hora ao día para facilitar a inclusión de menores con autismo
Por Redacción |
-
Pontevedra, preparada para tres meses de festa "intensiva"
Por Alejandro Espiño |