O programa Empleaverde permitirá a Cuntis impulsar un turismo termal sustentable
Por Redacción
Cuntis aposta pola mellora da empregabilidade e a capacitación das persoas interesadas en traballar no sector termal como base do programa laboral Empleaverde 2019. O comité de avaliación desta campaña incluíu na súa proposta de resolución o proxecto presentado polo Concello de Cuntis para promover un turismo termal sustentable no municipio e que manexa un orzamento de 71.200 euros.
O plan deseñado polo goberno local pretende promover un desenvolvemento sustentable do turismo termal mediante a mellora das condicións laborais e a promoción de boas prácticas ambientais no turismo termal, un sector que segundo lembra o alcalde Manuel Campos goza dunha "boa saúde".
Este tipo de turismo xera en zonas como Cuntis "máis emprego e practicamente tantas pernoitas como todo o conxunto de turismo rural", sinala o rexedor que ve nesta actividade un remedio para a desestacionalización do turismo e a fixación de poboación no medio rural.
O proxecto Termal19 desenvolverase en zonas rurais con recursos termais e irá destinado a desempregados que queiran traballar no sector turístico termal. Os participantes recibirán formación teórica sobre turismo termal sustentable, farán prácticas en empresas do sector e prepararáselles para a procura de emprego.
Esta iniciativa, na que colabora tamén o Concello de Caldas de Reis e a Federación de Mujeres Rurais (Fademur) de Castela A Mancha, beneficiará a unhas 200 persoas, das que o 50% serán mulleres. Terán prioridade os mozos menores de 35 anos, os maiores de 45 anos, inmigrantes, persoas con discapacidade ou residentes en áreas protexidas e zonas rurais.