Os Bolechas chegan a Sanxenxo para reciclar aparellos electrónicos
Por Redacción
A campaña da Xunta sobre sensibilización en materia de reciclaxe de aparellos electrónicos terminará en Sanxenxo os días 30 e 31 de xullo en horario de tarde, despois de percorrer 24 concellos, coa participación de Os Bolechas nunha acción de márketing de rúa que ten como obxectivo achegar a mensaxe ao público infantil e familiar.
A actividade realizarase no parque do Espiñeiro baixo unha carpa na que haberá monitores explicando a todos os interesados os detalles sobre a reciclaxe deste tipo de residuos. Ademais, haberá unha pantalla central con xogos interactivos e outras laterais nas que se proxectarán vídeos informativos sobre o tema.
O principal obxectivo desta iniciativa é fomentar o coñecemento sobre as prácticas de consumo actuais e como inciden na contorna para poder facer unha mellor xestión destes aparellos, para o que é esencial aumentar as actuais taxas de recuperación deste tipo de residuos.