Reforzan as medidas para evitar que se fume no Hospital Provincial
Por Redacción
Facer visible nada máis chegar que o Hospital Provincial é un espazo libre de fume do tabaco. Con ese obxectivo, as autoridades sanitarias están a actualizar a sinalización da prohibición de fumar do centro, con cartelería e sinaléctica oficial visible en zonas de tránsito para o persoal e para os pacientes e visitantes.
Esta iniciativa preventiva terá continuidade no resto de centros da área, cara a lembrar a usuarios, profesionais e cidadáns esta norma.
O Grupo de Acción de Cesación Tabáquica da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés traballou nos últimos meses para coordinar diversas iniciativas cara a lograr que os centros asistenciais desta área de saúde sexan espazos libres de fume de tabaco, conforme á normativa vixente.
Así, planificouse a revisión e actualización gradual da sinalización de prohibición de fumar en hospitais e centros de saúde.
Ademais, reforzáronse os circuítos de vixilancia como elemento disuasorio e recordatorio da prohibición de fumar, identificando e localizando os denominados "puntos quentes", cara a que se produzan posibles cambios na súa localización.
Durante estes percorridos, o persoal de seguridade dos centros sanitarios informa sobre a prohibición de fumar tanto dentro coma no exterior, incluída a zona que se delimita como centro asistencial, solicitando apagar cigarros convencionais e tamén os electrónicos.