Ermelo, punto de partida para as 'freguifestas' de Bueu
Por Redacción
Poñer en valor as tradicións festeiras da vila, a través da creación de eventos sostibles nos que estean presentes a lingua, a igualdade, o medio ambiente e a cultura. É o espírito das freguifestas de Bueu, que terán como punto de inicio a parroquia de Ermelo. A celebración terá lugar este xoves 25 de xullo.
Os festexos arrancarán pola mañá cedo coa elaboración dunha alfombra floral que recreará esa unión entre o Camiño de Santiago ao seu paso por Santiago de Ermelo, da man da Asociación Cultural de Alfombras de Bueu.
Ás 12.00 do mediodía, a música e o baile tradicional estarán moi presentes a través da actuación do grupo local Recordos da Nosa Terra, despois da cal comezarán os oficios relixiosos. A mañá rematará ás 13.30, cando a orquestra Distrito 7 amenizará a sesión vermú.
Xa pola tarde, ás 19.00 horas, o grupo Polo Correo do Vento guiará un contacontos ilustrado con música a través dos Gozosos Anos 30. A continuación, en torno ás oito, terá lugar a homenaxe pola dedicación ás festas, que nesta edición recaerá nos veciños Manuel Barreiro Boubeta e Constante Portela González e na veciña Carmen Otero Juncal.
A xornada culminará cunha verbena amenizada por Distrito 7.
O programa das 'freguifestas' continuará ao longo do verán por Beluso, a illa de Ons e Cela, e culminará coa festa do San Martiño en novembro. As mesmas contarán ademais con música tradicional e actual para maiores e xente moza e espectáculos para a rapazada, ademais das homenaxes á veciñanza.