Cuntis oponse "radicalmente" ao novo balneario ata coñecer os detalles do proxecto
Por Redacción
O proxecto de Termas de Cuntis de construír un novo balneario no municipio, que estaría situado na rúa Bernardo Sagasta, atopouse co rexeitamento, por agora, do goberno municipal. O Concello advirte que se opoñerá "radicalmente" a este centro ata que a promotora revele os detalles do proxecto e se cumpra a lexislación.
Así consta nas alegacións que o Concello de Cuntis presentou ante a solicitude de ampliación e modificación do aproveitamento das augas mineromedicinais e termais dos mananciais e pozos utilizados por Termas de Cuntis.
O goberno municipal considera que o expediente ao que tivo acceso é "manifestamente insuficiente", incumpre a lexislación ambiental e é "do todo inadecuado", xa que non facilita a "información mínima necesaria" para pronunciarse sobre o alcance do proxecto presentado.
O Concello reclama de Termas de Cuntis os datos, informes e memorias técnicas do novo balneario, ao entender que o expediente que está en tramitación limítase a reproducir o proxecto de obra construtiva.
Nas súas alegacións, Cuntis indica que "non hai referencia algunha", entre outras cousas, á identificación dos mananciais e pozos dos que proceden as augas, ao incremento no consumo do recurso hídrico e a súa repercusión sobre o perímetro de protección do acuífero ou á obrigada avaliación de impacto ambiental que analice unha posible afección na contorna.
Tampouco aparece, segundo o Concello, as garantías para conducir a auga desde a súa captación ata o novo emprazamento, a repercusión deste maior consumo sobre os outros titulares con autorizacións ou concesións, un cálculo aproximado do caudal que utilizará o balneario, cal é o destino e uso desas augas ou onde se verterán os residuos.