O PP denuncia roubos e inseguridade en Poio e reclama máis Policía Local
Por Redacción
O PP de Poio denuncia que a localidade está a sufrir unha "ola de roubos" e situacións de "inseguridade" e sostén que esta realidade, sumada ao aumento do tráfico na época estival, xustifica a necesidade de incrementar o número de efectivos de Policía Local.
A concelleira do PP de Poio María José González, coñecida como Maritxe, pide ao Goberno tripartito de Poio aumentar o número de efectivos da Policía Local e os seus medios porque o número de axentes e os medios cos que contan "non son suficientes para cubrir as demandas e as necesidades" da veciñanza, do turismo e do tráfico rodado.
A edil 'popular' insiste en que existe unha "necesidade imperiosa" de aumentar o persoal e os medios co fin de mellorar ao servizo e a atención prestada, pois non hai suficientes efectivos para realizar, por exemplo, un plan de tráfico e poder regular o tráfico en zonas conflitivas como Combarro en época estival.
Tras recoñecer a labor que fan os axentes, insistiu en que no PP son sabedores do sacrificio persoal que realizan e que "fan todo o que poden".
Ademais, aproveita para criticar que "para pasar de 2 a 3 alcaldes e de 2 a 3 soldos idénticos ben que o Tripartito estivo rápido", de maneira que esixen esa mesma celeridade para aumentar a Policía Local e que prioricen os gastos, xa que todo o que xira en torno á seguridade cidadá debería ser o primeiro.
A principios deste verán, a Policía Local de Poio incorporou catro auxiliares para reforzar o servizo e garantir a atención a todo o relacionado coa seguridade cidadá e, en especial, ao tráfico. En total, durante o verán hai 13 axentes velando pola seguridade dos veciños do municipio, nove fixos e catro auxiliares de reforzo para estes meses.