Visto e prace ao proxecto sectorial para a ampliación de Montecelo
Por Redacción
O Consello da Xunta deste venres aprobou o proxecto sectorial para a ampliación do Hospital Público Gran Montecelo de Pontevedra, o que se coñece como Gran Montecelo. O documento é un instrumento que permite regular a ampliación da infraestrutura.
O propio presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este venres o acordo do Consello e destacou que esta aprobación é o paso previo para finalizar a tramitación do expediente de expropiación para, posteriormente, licitar as obras.
Ademais, o mandatario autonómico avanzou que a licitación está prevista para finais deste ano e estímase que durante o 2020 comecen as obras.
O proxecto de ampliación contará cun investimento estimado de 140 millóns de euros e ten o obxectivo de dotar a Pontevedra e á súa área de influencia dun novo hospital con novos servizos –radioterapia, UCI pediátrica e medicina nuclear— e máis confortabilidade, xa que o 60% das habitacións serán individuais.
Feijóo lembrou que con esta aprobación cumpre coa palabra dada na última xuntanza co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a Xunta culmina o procedemento iniciado o pasado 7 de xuño cando o Consello aprobou a declaración de incidencia supramunicipal do proxecto sectorial de ampliación de Montecelo. Tras ese paso, solicitouse o estudo de avaliación ambiental e, logo dos trámites necesarios de información e consultas, obtívose a declaración ambiental estratéxica. Desta forma, realizouse a proposta definitiva do Plan sectorial.
Ademais, destacou que os pontevedreses disporán dun hospital con capacidade para atender as necesidades asistenciais dos próximos 50 anos dunha poboación de máis de 300.000 persoas, xa que, ademais da área de Pontevedra, tamén se reenvían as supraespecialidades da área que corresponde ao Hospital do Salnés.
Relacionadas:
-
Núñez Feijóo fixa de novo mediados de 2020 para o inicio da ampliación de Montecelo
Por Alejandro Espiño |
-
O PP saca peito do proxecto de Gran Montecelo nun encontro electoral con persoal sanitario
Por Redacción |
-
Os afectados polas expropiacións do Gran Montecelo tachan de "roubo" a valoración das súas propiedades
Por Oskar Viéitez |
-
O Sergas asegura que hai dispoñibilidade de camas en Pontevedra para atender calquera necesidade
Por Redacción |
-
Reunión "agradable e cordial" entre Feijóo e Lores para analizar "minuto e resultado" dos compromisos da Xunta
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Lores e Feijóo entrevistaranse para falar de "cuestións fundamentais" para Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O PP considera que o Gran Montecelo e a residencia de maiores serán unha "revolución" para Pontevedra
Por Redacción |