Récord en Moraña: 23.000 asistentes á Festa do Carneiro ao Espeto
Por Diego Torrado & Redacción
50 anos de festa e récord histórico de participación de asistentes. En total, 23.000 persoas achegáronse durante as tres xornadas centrais ata Moraña para gozar da celebración do medio século da Festa do Carneiro ao Espeto.
Nos dous últimos anos cuantificáronse ao redor de 15.000 e 18.000 persoas, cifras que quedaron amplamente superadas nesta edición. Así o afirmaba a alcaldesa Luisa Piñeiro asegurando que se trata dun "día histórico" polos 50 anos da festa, pola "incríble asistencia que nos ten abrumados" e porque nesta xornada "toda Galicia" mirou con orgullo cara ao Concello de Moraña.
A actividade comezou moi cedo co traballo habitual dos mestres asadores preparando os espetos na Carballeira de Santa Lucía. A preparación debe realizarse con paciencia e, desta forma, ao longo de dez horas os carneiros preséntanse como un manxar exquisito seguindo o sistema tradicional de asado, que presume de ser un dos máis antigos que se conservan en Europa.
A agrupación Seixebra, a charanga Os Encerellados e as diferentes peñas foron animando con música todo o espazo a medida que ían chegando milleiros de persoas.
Ás 12.00 chegaba Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia á carballeira, coa ex presidenta do Congreso, Ana Pastor e a alcaldesa Luisa Piñeiro, ademais do delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís e a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias.
Centos de asistentes comprobaron o acto do asado final dos carneiros para, a continuación, entregar os 175 lotes da comida popular. Encheuse o aforo da Carballeira de Santa Lucía con 3.500 comensais, medio milleiro máis que en 2018. Aqueles que non contaban con espazo nesta zona puideron gozar da festa nos restaurantes e establecementos de hostalería da contorna que, un ano máis, volveron ateigarse de clientes, segundo apuntan desde o goberno local.
A festa continúa ata a noite cando finalice a verbena a cargo do gaiteiro Óscar Ibáñez & Tribo e a orquestra París de Noia.
Relacionadas:
-
O Carneiro ao Espeto inicia o camiño para ser festa de interese turístico nacional
Por Redacción |
-
O impacto mediático da Festa do Carneiro ao Espeto chegou a 1,1 millóns de persoas
Por Redacción |
-
3.500 persoas xuntaranse en Moraña para participar na Festa do Carneiro ao Espeto
Por Redacción |
-
Moraña abre 19 días de actividades para conmemorar o medio século da Festa do Carneiro
Por Redacción |
-
Os 50 anos da Festa do Carneiro ao Espeto xa teñen carteis de promoción
Por Redacción |