O mal tempo obriga a aprazar ao xoves a xornada de piragüismo no Verdugo da Lama
Por Redacción
O Concello da Lama apraza ao xoves a tradicional xornada de piragüismo que realiza cada ano no río Verdugo. As malas condicións climatolóxicas deste luns, con avisos por choivas e descenso das temperaturas, motivaron a decisión do goberno local que fixou o evento para o xoves 1 de agosto.
Nesta clásica regata deseñada para gozar do deporte ao aire libre en familia participarán ao redor de 200 padeeiros de todas as idades que xa formalizaron a súa inscrición nas oficinas municipais.
Aínda que a cita a organíza o Concello, o Club de Piragüismo Vilaboa colabora coa achega do material e capital humano necesario para a realización da regata. A inscripción é gratuíta e a actividade consiste en paseos polo leito fluvial desde as 17 ata as 20 horas.
Doutra banda, informan desde o goberno local que a praia fluvial do Verdugo acaba de adherirse á Rede Galega de Praias sen Fume, polo que a partir de agora quedará prohibido acender un cigarro neste espazo que conta con zona arborizada, mesas e servizos para satisfacer todas as necesidades dos bañistas. Así mesmo, os accesos ao areal foron acondicionados para facilitar a entrada de persoas con discapacidade motriz ou visual.